Fiestas en Rías Baixas

Turismo activo

Pura adrenalina

As Rías Baixas son o escenario perfecto para demostrar a túa paixón pola aventura

Por terra, mar ou aire, a provincia de Pontevedra ofréceche unha ampla variedade de escenarios para exercitar o teu corpo en impresionantes paisaxes. Surf, vela, esquí acuático, rafting, escalada, rápel, salto desde pontes, barranquismo, bicicleta de montaña e viaxes en globo ou parapente… As Rías Baixas son un completo destino multiaventura capaz de saciar as ganas de aventura das e dos máis esixentes.

Elixe entre costa ou interior e entre sucar as ondas no Atlántico, voar sobre o impresionante litoral ou descender os canóns dos ríos. A natureza será a túa mellor aliada.

Un bo clima e unha variada oferta de turismo activo converten As Rías Baixas nun acerto seguro para quen busca a perfecta combinación de lecer, natureza e gastronomía. Se o teu son as emocións fortes acertarás de pleno grazas á cada vez máis ampla gama de actividades deportivas e á profesionalidade das empresas especializadas en facerte voar, sucar as augas, percorrer rutas a pé ou en bicicleta ou mergullarte nos irrepetibles fondos mariños das illas atlánticas.

Rafting Rías BaixasBalsismo en Pontevedra

A provincia de Pontevedra conta con atractivas serras para practicar sendeirismo ou facer itinerarios dacabalo, así como paredes ao aire libre perfectas para realizar barranquismo en Ponte Caldelas, O Rosal, Cerdedo ou no canón de Luneda, na Cañiza.

A bicicleta de montaña é outra excelente alternativa, e as ou os máis valentes poden dirixirse a algunha das pontes do río Lérez ou a Arbo para realizar salto desde pontes. Tamén dispós de firmas cunha longa traxectoria na organización de actividades de hidrospeed, piragüismo, kaiak ou rafting.

Se o teu son os deportes náuticos tamén atoparás alternativas para divertirte grazas ás tranquilas augas das rías, que permiten durante todo o ano a práctica da vela ou do submarismo.

A última aposta do turismo activo nas Rías Baixas son as actividades aéreas, con viaxes en parapente no Baixo Miño, as propostas máis recentes para sobrevoar a ría de Vigo en avioneta ou ver as Cíes e a ponte de Rande poñéndote aos mandos dun helicóptero. Despexa a túa axenda e ven divertirte e emocionarte á provincia de Pontevedra!

Aterraxe en parapente
Turismo ActivoMozas e mozos facendo rafting
Turismo ActivoParella de escaladores

Consulta a listaxe de empresas especializadas en turismo activo na provincia