As Rías Baixas parede a parede
O turismo e o deporte provocan sensacións parecidas: póñente a proba, obrígante a superar etapas e esixen preparación e planificación para garantir o éxito. Cada vez son máis as e os viaxeiros que combinan ambas as actividades e practican exercicio á vez que descobren paraxes naturais descoñecidas.
A escalada e o barranquismo son dúas opcións moi apetecibles que permiten ademais gozar en familia, sempre que se elixan as zonas adecuadas. Nas Rías Baixas hai varias empresas que organizan rutas con guías especializados e que facilitan a práctica desta actividade que mestura diversión, adrenalina e turismo.
Anímate a gozar da provincia desde un novo punto de vista. Só necesitarás roupa cómoda e axustada coa que desenvolverte ben dentro dun arnés, no caso da escalada, e calzado confortable para moverte por unha parede sen problemas de adherencia e con total seguridade. O punto clave destas modalidades deportivas é dispoñer dunha cuadrilla que te acompañe.
Principiantes e profesionais atoparán na provincia empresas con experiencia que proporcionan os materiais e recursos necesarios para experimentar en paredes de exterior. As montañas de Silleda, O Porriño ou Vigo e litorais únicos coma a Costa da Vela serán algunhas das vistas que levarás de recordo se te animas a escalar nas Rías Baixas.
Principiantes e profesionais atoparán na provincia empresas con experiencia para practicar en paredes de exterior
No caso do barranquimo, unha das súas mecas está en Ponte Caldelas, no canón do río Verdugo, un dos barrancos máis completos de Galicia, con tres quilómetros de percorrido que inclúen tres fervenzas, rápidos e pozas de auga cristalina. Máis ao sur da provincia atopámonos co canón de Luneda, na Cañiza. A ruta segue a canle dun afluente do río Deva e permite coñecer varias fervenzas nun contorno de gran beleza. Conta con rápeles, saltos, rápidos e un bonito tobogán, adecuados para iniciarse na práctica do barranquismo.
E seguimos descendendo cara ao sur da provincia para descubrir o barranco de Rego da Cal, no concello do Rosal. Esta ruta iníciase preto dos muíños do Folón e do Picón e discorre por un afluente do río Tamuxe. Está considerada de nivel medio e inclúe varios rápeles sinxelos, algúns saltos e tobogáns naturais ao longo de 2 quilómetros.
Finalmente, tamén se pode practicar barranquismo con guías no río Almofrei, en Cotobade, e no río Cadavosa, en Cerdedo. En ambos os casos trátanse de rutas familiares, que se poden facer con nenas e nenos a partir de 10 anos.
Consulta a listaxe de empresas especializadas en turismo activo na provincia