O paraíso paso a paso
A mellor forma de mergullarse nas Rías Baixas é percorrelas paso a paso. Esta terra ofréceche rutas de sendeirismo de todos os niveis, así que poderás descubrila tanto se camiñar e coñecer paisaxes é unha afección como se tes moitos quilómetros sobre as túas pernas.
Á beira de ríos e regatos atoparás magníficos bosques de ribeira con vexetación autóctona. Antigos muíños, vestixios dun modo de vida do pasado, reciben a persoa visitante agora perfectamente restaurados, do mesmo xeito que fontes e lavadoiros tradicionais. Na provincia de Pontevedra a natureza e o patrimonio van da man.
Camiñar entre carballos e castiñeiros centenarios situarate en harmonía plena co contorno. Serras, montes e fragas ocultan un mundo de sensacións, cunha interesante flora e fauna que atoparás ao longo das infinitas sendas que sucan o territorio.
A costa das Rías Baixas quita a respiración. A través dos seus 300 quilómetros de litoral atoparás 55 praias con bandeira azul, vertixinosos cantís, impresionantes cabos con faros de lenda, belas enseadas e baías e fermosas vilas mariñeiras que aínda conservan intacta a súa arquitectura e tradicións.
Un mundo de rutas espérate. Ven descubrilas!