Fiestas en Rías Baixas

Conxuntos históricos

Recunchos co encanto
do pasado

Seis zonas históricas de vilas e cidades das Rías Baixas posúen un atractivo especial. Cada unha ten raíces e identidade propia; pero existe un denominador común: pasear polas súas empedradas rúas trasladarate a outras épocas mentres descobres edificios, prazas e monumentos perfectamente conservados.

Baiona, Cambados, Combarro, Pontevedra, Tui e Vigo contan coa declaración de Conxunto Histórico-Artístico. Se só estiveches de paso é hora de, mapa en man, descubrir as súas rúas e prazas, a súa arquitectura popular e señorial, as súas igrexas e catedrais e os seus mercados. Neles atoparás as pegadas do noso pasado unidas a servizos de restauración e propostas de lecer dirixidas ás e aos visitantes.

No interior da provincia espérate outro conxunto histórico que debes visitar, o mercado medieval de Agolada. Percorre os seus 70 pendellos ao redor dos que se reunían persoas de diferentes puntos da provincia para comprar gando e outros produtos locais.

Empeza a túa ruta e déixate levar polo encanto deste histórico legado!

Baiona

O conxunto histórico forma un círculo case pechado e ten tres entradas: a praza de Santa Liberata, a de Padre Fernando e o cruceiro da Santísima Trindade, situado na parte alta da vila e un dos poucos cruceiros cubertos con baldaquino que se conservan en Galicia.

As rúas empedradas de Baiona móstrannos numerosos casaróns señoriais, como o pazo dos Correa, que actualmente alberga a casa do concello, e templos como a colexiata de Santa María (século XIII), de estilo románico e oxival. Toda a zona antiga foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1993.

Baiona

Nunha localización estratéxica, o monte Boi, álzase a fortaleza de Monterreal, do século X, unha impresionante edificación amurallada rodeada de fermosas praias. Na súa estrutura quedan patentes dúas épocas: a medieval e a que abarca desde o Renacemento ata o século XVIII. Destacan as súas tres torres: O Príncipe, A Tenaza e O Reloxo. O castelo alberga un Parador Nacional e para visitar os seus xardíns e camiñar xunto á muralla hai que adquirir entrada.

Nun dos peiraos atópase o barco museo da carabela Pinta, que nos lembra que Baiona foi o primeiro porto de Europa que recibiu a noticia do Descubrimento de América.

Cambados

Cambados

O monumento por excelencia de Cambados é a praza de Fefiñáns, un conxunto do século XVI formado polo palacio do mesmo nome, un arco-ponte, unha atalaia-miradoiro, coñecida como torre da homenaxe, e a igrexa de San Bieito. Trátase dunha praza empedrada de incomparable beleza que hoxe constitúe o principal polo de atracción turística da localidade.

Nas inmediacións de Fefiñáns atópase o pazo de Bazán, rodeado de preciosos xardíns e actualmente habilitado como Parador Nacional. Se camiñamos cara á parte alta da vila, na ladeira do monte da Pastora atopámonos coas ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo (século XVI) no cemiterio parroquial. O templo, mostra do chamado gótico mariñeiro, carece de teito. Pódese visitar o seu interior para admirar as curiosas esculturas dos seus arcos, tallados con bólas e representacións bíblicas.

Cambados ten unha orixe mariñeira que pode apreciarse nas pequenas vivendas típicas, coma a Casa Museo de Ramón Cabanillas e as casas do barrio de Santo Tomé, onde as canellas desembocan no mar. Alí atópanse os restos da torre de San Sadurniño, unha fortificación de orixe medieval edificada sobre un pequeno illote, que foi destruída tras os ataques normandos.

Combarro

Combarro

Pertencente ao municipio de Poio, esta vila de raíces mariñeiras foi declarada Ben de Interese Cultural en 1972. A zona antiga, moi ben conservada, forma unha rede de canellas empedradas dispostas ao redor das rúas de San Roque e A Rúa, unha estrutura urbana do século XVIII. Conta con pequenas prazas con encanto e humildes casas mariñeiras con delicados traballos de cantería como balcóns de gusto barroco inspirados na arquitectura dos pazos.

O conxunto histórico ten a súa máxima expresión de arquitectura popular nos máis de 20 hórreos que conserva, un dos maiores grupos de Galicia, coa singularidade da súa localización costeira. O seu nome local é palleiras, denominación que lembra ás antigas cubertas de palla que presentaban. Tamén destacan os numerosos cruceiros repartidos polas canellas.

Combarro percórrese a pé, subindo e baixando escaleiras e descubrindo sobre a marcha os seus canellas, algúns dos cales desembocan directamente no mar. A vila conta con numerosos restaurantes e comercios de produtos típicos galegos e recordos .

Pontevedra

Pontevedra

O conxunto histórico da cidade é un dos mellor conservados de España e posúe a declaración de Ben de Interese Cultural desde 1951. As súas fermosas rúas con soportais conducen a unha infinidade de prazas con grande encanto cuxos nomes nos lembran os seus antigos usos comerciais: a praza da Ferrería, da Verdura e da Leña. Nesta última atópanse tres dos edificios que albergan o Museo de Pontevedra, recoñecido como un dos museos máis representativos da historia, a arqueoloxía e a arte galega.

Esta zona tamén conta con singulares casas populares e de aboengo, así como con varios templos de interese. A basílica de Santa María a Maior, mandada construír polo Gremio de Mareantes no século XV, destaca pola súa portada plateresca de excelente talla. O santuario da Peregrina, cuxa planta lembra ás cunchas de vieira, é lugar de paso obrigado para as e os peregrinos que percorren o Camiño Portugués e para todas as persoas que visitan a cidade.

Outro dos monumentos máis visitados da capital do Lérez son as ruínas do convento gótico de San Domingos, que acolle pezas arqueolóxicas. O Museo de Pontevedra ofrece visitas guiadas con carácter gratuíto de martes a domingo.

Estas rúas tamén son un lugar excepcional para tapear, xa que é costume na hostalería local acompañar as bebidas dun bo aperitivo.

Tui

Tui

Tui constitúe un singular exemplo de urbe medieval, situada sobre un promontorio rochoso a beira do río Miño. Dentro da gran riqueza monumental do centro antigo destaca a catedral-fortaleza de Santa María, unha construción de estilo románico e oxival na que se atopa o Museo Catedralicio. Ao seu redor arremuíñanse rúas estreitas con soportais, salpicadas de templos de interese coma o convento das Encerradas, a capela de San Telmo (único exemplar do barroco portugués en Galicia), a igrexa de San Domingos e o convento de San Francisco.

Outros referentes culturais e turísticos son os restos da muralla do século XII, levantada para defender a cidade, e o importante patrimonio vinculado á presenza xudía, no que destacan inmobles como a casa de Salomón e o patio da sinagoga e obxectos históricos coma os sambenitos. Merece unha mención especial a ponte internacional sobre o río Miño, pola que cruza quen peregrina a Santiago a través do Camiño Portugués .

Vigo

Vigo

O quilómetro cero de Vigo está situado na Porta do Sol, onde se atopa ademais un elemento icónico da cidade: a escultura do Sereo, erixida sobre unha columna dobre de 13 metros de altura. Este é un bo punto para iniciar o percorrido monumental pola cidade, xa que desde aquí podemos adentrarnos na zona vella ou ben iniciar a visita ao ensanche vigués, coa súa arquitectura ecléctica e señorial.

Atopámonos con espazos suxestivos como a rúa dos Cesteiros e con construcións coma a colexiata e concatedral de Santa María e os pazos de Figueroa e de Arines. Desde alí chegaremos facilmente ao barrio do Berbés, coas súas características vivendas con soportais que conservan a memoria do seu pasado mariñeiro. Outro punto importante é A Pedra, un dos grandes reclamos turísticos da cidade e lugar típico de degustación de ostra.

O ensanche ofrécenos un paseo pola arquitectura do Vigo señorial, percorrendo as rúas do Príncipe, Urzáiz, Colón e Policarpo Sanz ata os xardíns da rúa Areal, xa moi preto do porto. Ao pasar atoparemos edificios históricos como o edificio Bonín, obra de Jenaro de la Fuente, e o Teatro García Barbón.

Mercado de Agolada

Agolada

A localidade de Agolada ten no seu centro un antigo mercado popular do século XVIII que chegou ata os nosos días coa súa estrutura e edificacións orixinais. O conxunto componse de diferentes construcións en pedra coñecidas como pendellos, unha especie de alpendres con grandes mostradores que albergaban a mercadoría das e dos comerciantes e ao redor dos que se reunían persoas de diferentes puntos da provincia para comprar gando e outros produtos locais.

O recinto conserva uns 70 pendellos que no seu día recibiron diferentes usos ao servizo das diversas actividades feirais: expositores, hospedaxes, comedores e cabalarías. Trátase de construcións eminentemente prácticas, sen ornamentación, cubertas de madeira e tella e levantadas cunha técnica de eficaz sinxeleza. Estiveron a piques de desaparecer nos anos 70 pero finalmente foron reconstruídos e en 1985 obtiveron a declaración de Monumento Histórico-Artístico.

O acceso ao antigo mercado é gratuíto e pódese pasear libremente polas súas estreitas canellas. A visita polo interior das construcións require que se solicite previamente unha cita no Concello de Agolada.