Enogastronomía

Video completo

Un festín para os sentidos

Mar e terra ofrecen a mellor gastronomía nas Rías Baixas

A gastronomía é un dos principais sinais de identidade da provincia de Pontevedra. Peixes, mariscos e viños gozan de recoñecemento internacional; e carnes, produtos do campo, queixos ou mel sobresaen pola súa calidade e levan consigo tamén a marca Rías Baixas.

Todo este mundo de sabores é froito da riqueza e a fertilidade do territorio e do coidado das e dos produtores. A tradición convive neste destino coa vangarda nun equilibrio perfecto. Desde restaurantes familiares típicos ata cociña innovadora, a oferta hostaleira da provincia de Pontevedra, cúspide desta pirámide produtiva, é enormemente variada e promete unha infinidade de praceres para o padal.

Plaza Abastos centollaPeza de centola
Denominación Orixen Rías BaixasCopa de Albariño
Choco RedondelaOstras de Arcade
Plato de almejasPrato de ameixas

Toda esta materia prima cultívase, críase, colléitase e captúrase nunha marabillosa contorna. As paisaxes costeiras e interiores forman parte indisoluble de toda a cadea, que arrinca nas augas das rías e ríos, en campos, prados, montañas… e termina no prato e nos grandes mercados de todo o mundo.

Cada paisaxe na que nace a materia prima da gastronomía da provincia de Pontevedra é un universo máxico. O fondo mariño produce os mellores moluscos e crustáceos; as rías son o hábitat das prezadas e saborosas especies de peixe que as frotas das localidades mariñeiras capturan nos seus barcos e venden nas lonxas; e nos campos a alimentación do gando cóidase ao máximo para obter as mellores carnes. O leite, o mel, os queixos, os grelos ou os pementos completan unha dieta ideal, saudable e saborosa.

Plaza de Abastos

Os mercados tradicionais e prazas de abastos da provincia de Pontevedra son auténticos gardiáns dos tesouros gastronómicos que nos ofrecen as nosas rías e hortas. Se queres gozar do verdadeiro sabor de Rías Baixas, é obrigatoria a visita a algún deles. A súa tradicional oferta de peixe, marisco e verdura evolucionou nas cidades de Vigo e Pontevedra cara a un concepto máis amplo de gastromercado con espazos gourmet e a posibilidade de comprar produto fresco e que o cociñen ao momento. Non perdas esta experiencia!

Coñecer de preto a actividade que rodea a gastronomía das Rías Baixas é toda unha experiencia. O marisqueo, o cultivo da uva e a produción de viño, especialmente o albariño, nas adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, a cría de animais coma o porco celta ou o galo de curral, ou a elaboración da sidra artesanal son sectores con fondas raíces que preservan a tradición e a sabedoría transmitida de xeración en xeración.

Parte do patrimonio, coma os muíños que salpican os ríos, as conserveiras e os mercados tradicionais, xorde destas actividades produtivas. A provincia homenaxea estes manxares con festas multitudinarias que transcenderon as fronteiras de Galicia e España. A Festa do Albariño de Cambados, a Feira do Cocido de Lalín, a Festa da Lamprea de Arbo e a Festa do Marisco do Grove son a punta de lanza dun colosal patrimonio inmaterial ao redor da gastronomía.

Por estas e outras moitas razóns o lugar ideal para saciar a túa fame de experiencias é as Rías Baixas. Ven vivilas!