Tradición e calidade na mesa
Dentro da rica e variada gastronomía da provincia de Pontevedra atoparás un abano de produtos con certificación que garante a súa procedencia e calidade. Tenreira, lacón, castañas, mel… Descubre os alimentos con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e namórate aínda máis dos sabores das Rías Baixas.
1. TENREIRA GALEGA
Certifica os produtos obtidos de gando das razas rubia galega, morenas do noroeste, os cruces entre estas e determinados cruces destas con outras razas. A IGP ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente de animais nacidos, criados e sacrificados en Galicia.
Zona xeográfica
A súa área de produción e sacrificio circunscríbese a todo o territorio galego. A cría de vacún na provincia de Pontevedra realízase en Agolada .
2. GRELOS DE GALICIA
Defínese como o brote das verduras da especie Brassica rapa, L., var. Rapa (comunmente coñecida como nabo), das variedades correspondentes aos ecotipos de Santiago de Compostela e Lugo. A denominación “grelos” fai referencia ás follas e talos recollidos ao longo do período vexetativo da planta.
Zona xeográfica
A zona de produción , transformación e envasado comprende toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
3. AUGARDENTES E LICORES TRADICIONAIS DE GALICIA
As Denominacións Xeográficas Augardente de Herbas de Galicia, Licor Café de Galicia e Licor de Herbas de Galicia protexen as bebidas espirituosas tradicionais elaboradas a partir das augardentes amparadas pola Denominación Xeográfica Orujo de Galicia.
Zona xeográfica
Ampara a augardente elaborada a partir de bagazos de viño recolleitos nos viñedos situados no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia.
En Pontevedra elabórase augardente na subzona Rías Baixas, que abarca os municipios de Cambados, Ribadumia, Meaño, Arbo, O Rosal, Ponteareas, Meis e Tomiño.
4. CASTAÑA DE GALICIA
A indicación resérvase para os froitos obtidos a partir dos cultivos autóctonos galegos de castiñeiro europeo (Castanea sativa, Mill.) destinados ao consumo humano e comercializados en fresco ou conxelado. O seu sabor é doce e conta cunha textura firme non fariñenta. Unha vez apañado, o froito terá entre o 50 e o 60 % de humidade.
Zona xeográfica
Na provincia de Pontevedra as zonas de recolección son as comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e de Deza e os municipios de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Campo Lameiro e Cuntis.
5. LACÓN GALEGO
A Indicación Xeográfica Protexida Lacón Galego, que se refire ás extremidades dianteiras do gando porcino unha vez curadas, protexe este produto tradicional.
Zona xeográfica
Tanto a zona de produción como a de elaboración comprenden toda a Comunidade Autónoma de Galicia. En Pontevedra a zona de cría do porco esténdese pola comarca de Deza , en especial o municipio de Lalín .
6. MEL DE GALICIA
Segundo a súa orixe botánica clasifícase en: mel multifloral, mel monofloral de eucalipto, mel monofloral de castiñeiro, mel monofloral de silva e mel monofloral de breixo.
Zona xeográfica
A zona de produción, procesado e envasado dos meles amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia abarca todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Os municipios produtores en Pontevedra son Lalín e As Neves.
7. TORTA DE SANTIAGO
É un doce tradicional galego cuxos compoñentes básicos son améndoa (= 33 %), azucre (= 33 %) e ovo (= 25 %). A Torta de Santiago admite distintos tamaños e preséntase en forma redonda, cuberta con azucre glas e cunha figura da Cruz da Orde de Santiago como sinal típico de identidade. Ao corte ten unha cor dourada, con sabor a améndoa e unha textura esponxosa e granulada.
Zona xeográfica
O ámbito xeográfico da Indicación Xeográfica Protexida Torta de Santiago abarca a totalidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
8. RIBEIRAS DO MORRAZO
Os viños desta indicación xeográfica protexida son brancos e tintos con aromas francos, nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez.
Zona xeográfica
O ámbito xeográfico da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo abarca os concellos de Cangas, Bueu, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa.
9. VIÑOS DA TERRA: TERRA DE BARBANZA E IRIA
Os viños obtidos son lixeiros, limpos, brillantes e ben cubertos de cor na fase visual; con aromas francos nos que se aprezan as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas; na boca son suaves, frescos, saborosos e equilibrados e, finalmente con pequenos toques de acidez.
Zona xeográfica
A área de produción desta denominación está constituída polos terreos aptos para a produción de uva nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Na demarcación pontevedresa abarca Catoira, Valga e Pontecesures.
10. PATACAS DE GALICIA
O produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IGP) Pataca de Galicia defínese como os tubérculos da especieSolanum tuberosum, L., das variedades cultivadas kennebec, agre e fina de Carballo, destinados ao consumo humano. A primeira mención do cultivo da pataca en Galicia é de data temperá: antes de 1607 foran sementadas na horta do mosteiro de recoletos de Herbón.
Zona xeográfica
A área de produción e envasado do produto desta indicación xeográfica protexida abarca a Comunidade Autónoma de Galicia.
11. PAN GALEGO
O pan galego é un pan de cortiza dura e crocante, esponxoso e irregular que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte procede de trigos cultivados en Galicia de variedades e ecotipos autóctonos galegos (os comunmente denominados "trigo país" ou “trigo galego”). A súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e unha elevada cantidade de auga, ademais de polos longos tempos de fermentación e cocción.
Zona xeográfica
A indicación abarca toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Na provincia de Pontevedra son especialmente recoñecidos os pans elaborados no Porriño, Pontevedra e a comarca de Deza .