Fiestas en Rías Baixas

Enogastronomía

A conserva

A conserva e a salgadura

A conserva merece capítulo propio nas Rías Baixas, territorio cunha longa tradición desde o século XVIII. A provincia de Pontevedra é, de feito, unha das capitais desta industria. Entre as conserveiras de maior relevancia histórica figuran a antiga fábrica de Massó , en Cangas, no seu momento de esplendor a maior de Europa neste sector; e a de Goday , na Illa de Arousa, primeira industrializada de Galicia.

A fábrica de Massó atópase en estado de abandono desde o seu peche, pero a súa impoñente figura forma parte da paisaxe de Cangas. Para coñecer a historia da saga familiar e desta industria é moi recomendable a visita ao Museo Massó, no municipio veciño de Bueu , onde estes industriais posuían parte das súas instalacións. A fábrica de Goday foi, pola súa banda, reconvertida nun Centro de Interpretación da Conserva.

Conserva

Alfageme e Curbera son outros grandes expoñentes históricos desta actividade na provincia de Pontevedra.

A tradición de conservar alimentos mariños remóntase á época romana. O xacemento da Lanzada (Sanxenxo), situado á beira do mar, albergaba unha fábrica de salgadura, e un lugar imprescindible para coñecer a historia desta industria é o centro Salinae, en Vigo, onde se atopa a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano.

Outro espazo de gran interese relacionado coa extracción de sal son as salinas de Ulló, en Vilaboa, creadas polos xesuítas no século XVII e que son hoxe unha contorna de grande valor natural, excelente para pasar unhas horas de lecer.