Fiestas en Rías Baixas

Turismo activo

BTT

Paixón pola bicicleta

A Serra do Cando e O Salnés son os destinos preferentes para as dúas rodas

A bicicleta é unha opción inmellorable para percorrer a costa e o interior da provincia de Pontevedra gozando ao máximo da experiencia. É ademais unha gran aliada para facer turismo dunha forma innovadora percorrendo as múltiples rutas que existen nas Rías Baixas e que poderás adaptar ao nivel de dificultade que mellor che conveña e dividir por tramos no caso de que queiras prolongar a túa estancia neste paraíso natural.

A serra do Cando é unha cordilleira desgastada que percorre de norte a sur o centro de Galicia, e na provincia de Pontevedra ofrece catro percorridos para elixir: Carballedo e Tenorio, de dificultade media; e Viascón e Caroi, para as e os corredores con máis experiencia.

A comarca do Salnés ofrece ata dez rutas de dificultade baixa, media e alta para todos os públicos

O Salnés é outra das zonas con maior tradición de BTT, con Meis como epicentro desta actividade. O mellor da bicicleta é poder combinar o exercicio con percorridos polo interesante patrimonio natural, etnográfico ou histórico da provincia. En función do tempo do que dispoñas e das túas preferencias atoparás un amplo catálogo para elixir.

De dificultade baixa considérase o circuíto do monte da Escusa (6,8 km), a Ruta dos Muíños da Armenteira (8,2 km) e a Ruta dos Outeiros de Silván  (6,7 km). Nun nivel medio figuran o circuíto do Val de Meis (13,8 km), a Ruta da Chanca (9,5 km) e a Ruta do Monte San Martiño  (15,2 km). Para os que teñen máis práctica resérvanse a Panorámica do monte Castrove (12,2 km), a Ruta de Bordóns  (13,4 km), as Vistas de Arousa  (14,3 km) e o Circuíto do Campo Ladrón (17,4 km).

O ideal se planificas unha escapada en bicicleta é facer noite nun dos excelentes aloxamentos de turismo rural das Rías Baixas para seguir en contacto coa natureza e non perder a maxia da experiencia polas montañas ou o litoral da provincia. Outra das vantaxes deste deporte é que a variada orografía das Rías Baixas permite organizar saídas a pedais competitivas e tamén en familia. Dúas alternativas con menores poden ser a senda do río Lérez, que se adentro nun espazo Rede Natura 2000, e o carril bici de Baiona, que pasa pola desembocadura do río Miñor e ofrece fantásticas vistas á ría de Vigo.

Paseo en bicicleta de montaña