Pazo de Oca

A exuberancia do “Versalles” galego

O pazo de Oca é un remanso de paz cun formidable valor botánico e arquitectónico. Os seus patios zumegan historia e quen visita os seus xardíns vese envolto no continuo rumor da auga

 

Estamos ante un dos tesouros mellor gardados do interior da provincia de Pontevedra. A espléndida riqueza arquitectónica do pazo de Oca, con máis de catro séculos de antigüidade e situado no municipio da Estrada, e o seu impoñente arboredo convérteno nun dos mellor conservados de Galicia. Quen o visita adoita regresar co recordo na cabeza dos seus espectaculares estanques. Este pazo señorial de estilo barroco tamén se coñece coma o "Versalles” galego pola beleza dos seus labirínticos xardíns de tradición francesa.

non perdas de ver ...

  • As “barcas de pedra”
  • Xardíns franceses
  • Paseo dos tileiros
  • Bosque autóctono
 

O son da auga é a banda sonora que ameniza os paseos polas súas 14 hectáreas de terreo. Unha vez dentro hai que deixarse sorprender polas súas plantacións de buxo de máis de trescentos anos e os tileiros, que se alzan 30 metros sobre o solo. Estas árbores sitúanse ao redor dunha pradería formando unha avenida que une o principio do río coa saída a un bosque autóctono que tamén pertence á propiedade.

Hai que deixarse sorprender polas súas plantacións de buxo, de máis de trescentos anos, e os tileiros que se alzan 30 metros

 

A auga no pazo de Oca actúa como paisaxe de fondo pero tamén é funcional pois o río Boo ao seu paso pola horta detense no lavadoiro, flúe polas presas e as fontes e aínda mantén vivo o muíño. As barcas de pedra dos seus estanques, unha de guerra e outra de pesca, parecen aludir á existencia de dous mundos diferenciados: o estanque de arriba, o das augas mansas, que representaría as virtudes; mentres o de abaixo, turbulento, acollería as vaidades do mundo.

O conxunto de Oca está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e xestiónao a Fundación Casa Ducal de Medinaceli. Os primeiros vestixios da primitiva fortaleza datan de mediados do século XV e foi a partir da primeira metade do século XVIII cando se intensificou a súa remodelación. Os xardíns pódense visitar todos os días da semana, de 9:00 a 18:30 horas no inverno (de novembro a marzo) e de 9:00 a 20:30 horas no verán (de abril a outubro).


Árbores camelias con fondas raíces

A árbores camelias do pazo de Oca presumen de ser as máis lonxevas da provincia de Pontevedra. Hai rexistros da súa presenza desde o século XVIII e os seus fermosos xardíns exhiben na actualidade máis de 600 exemplares de ata oito metros de altura, entre os que predominan o ton branco e o rosa.

As persoas visitantes a esta impresionante casa señorial situada na Estrada poden gozar das súas vistosas cores desde o mes de xaneiro deica abril. O chamado “Versalles galego” é unha das pezas centrais da Ruta da Camelia das Rías Baixas.