Camiño da Costa
O Camiño da Costa parte nas Rías Baixas desde a desembocadura do río Miño e bordea o litoral atlántico ata o fondo da ría de Vigo, onde conflúe co Camiño Portugués tradicional. Esta ruta costeira, desde A Guarda ata Redondela, ofrece espectaculares paisaxes de praias, cantís, marismas, bosques e sendas fluviais. Descubrirás un rico patrimonio arqueolóxico, igrexas e pazos; percorrerás fermosos conxuntos históricos; e mergullaraste na gastronomía, a cultura e as festas deste territorio.
O castro de Santa Trega é a mellor carta de benvida para as e os peregrinos que percorren esta ruta. Desde o mesmo esteiro do río Miño, o Camiño da Costa é un espléndido balcón cara ao océano Atlántico, as illas Cíes e a ría de Vigo, que che permitirá vivir en primeira persoa a cultura mariñeira e vitivinícola das Rías Baixas.
Apenas te apartarás da beira do mar ata chegar ao Camiño Portugués central. Goza deste itinerario con aroma a salitre, oficial desde 2016 e que che permitirá coñecer a maxia da costa da provincia de Pontevedra.
Etapa 1. A Guarda-Mougás (Oia)
Distancia: 25 quilómetros
O esteiro transfronteirizo do Miño é un lugar de extraordinario interese natural, cunha enorme diversidade biolóxica. Destaca o seu bosque de ribeira, sen parangón en Galicia, onde poderemos atopar amieiros, salgueiros, carballos, freixos, chopos, olmos, bidueiros e loureiros. Ademais, poderedes avistar máis de medio centenar de especies de aves acuáticas procedentes do centro e do norte de Europa.
A parada na Guarda permíteche gozar das casas típicas mariñeiras, coloristas e estreitas, e dun tranquilo paseo polo porto. A Praza do Reló e a igrexa de Santa María son puntos de interese que deberías visitar na localidade.
O monte de Santa Trega reina sobre o esteiro e alberga na súa cima o asentamento arqueolóxico protohistórico máis importante de Galicia, coas súas características construcións circulares. A citania remóntase ao século IV antes de Cristo e dá testemuño do comercio prerromano. Merece a pena contemplar a paisaxe desde o punto máis alto do monte, co esteiro do río, a vila da Guarda, o océano Atlántico e a praia da Foz, en Caminha , aos pés. Unha imaxe irrepetible.
A ruta avanza xunto ás praias de Fedorento e Area Grande, onde se atoparon xacementos arqueolóxicos ricos en utensilios elaborados polos antigos poboadores. Sigue camiño ás terras do municipio do Rosal, famoso polos seus viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Cos cantís onde baten as ondas do océano aos nosos pés, temos unha vista de gran beleza na que poden observarse aves mariñas durante todo o ano.
No Rosal podemos realizar ademais a ruta polos muíños do Picón e do Folón, recoñecidos como Ben de Interese Cultural (BIC).
A seguinte escala nesta etapa é Oia, terceiro concello do Camiño en Galicia. Aquí é parada obrigada o Real Mosteiro de Santa María de Oia. Situado xunto ao Atlántico, a súa orixe remóntase ao 1137 baixo a tutela de Alfonso VII de Castela e, ao longo da súa historia, ata 1835, foi rexido por 140 abades.
Esta etapa conclúe en Mougás , onde destaca o porto, que permite admirar unha fermosa zona de rocas. O lugar atrae tamén persoas afeccionadas ao surf polas súas ondas, aptas para a práctica deste deporte.
A poucos quilómetros de Mougás podemos atopar A Cabeciña, un conxunto arqueolóxico con máis de 4.000 anos de historia, formado por petróglifos, e un castro con monumentais estruturas defensivas e impresionantes vistas do Atlántico. Os seus orixinais gravados rupestres son únicos en Galicia.
Fronte ao Atlántico desprégase a serra da Groba. Desde alí admírase a bocana da ría de Vigo coas illas Cíes, unha xoia natural que forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Etapa 2. Mougás-A Ramallosa
Distancia: 16 quilómetros
Desde Mougás a ruta avanza cara a Baiona, precioso municipio cun fermoso conxunto histórico e gran afluencia turística. Xusto no límite do municipio, aínda en Oia, sitúase o faro do cabo Silleiro, que marca a entrada á ría de Vigo.
Na longa e rica historia de Baiona ten un valor singular a chegada ao seu porto da carabela Pinta en 1493, o que converteu a esta vila no primeiro lugar de Europa que tivo noticia do Descubrimento de América.
O centro histórico foi declarado Conxunto Histórico-Artístico, e destacan como principais puntos de interese a capela de Santa Liberata; a antiga colexiata de Santa María , construída entre os séculos XII e XIV de estilo románico con influencias cistercienses; o hospital Sancti Spiritus; as fontes de Ceta e Pombal; e o cruceiro da Santísima Trindade.
Mención aparte merece a fortaleza da península de Monterreal; as súas 18 hectáreas están rodeadas por tres quilómetros de murallas ameadas construídas entre os séculos XI e XVII. Desde a fortaleza e o seu contorno contémplanse espléndidas vistas das Cíes.
O itinerario avanza cara a Nigrán, o seguinte municipio do Camiño. A ponte románica da Ramallosa, que o une con Baiona , foi construída na desembocadura do río Miñor no século XIII. No centro atópase un cruceiro cun peto de ánimas e unha imaxe de san Telmo.
Outros puntos destacados son a igrexa e o pazo de Cadaval. Ao paso pola ponte da Ramallosa unha marisma esténdese ante os nosos ollos. Terminaremos a nosa etapa no pazo de Pías ou albergue das Damas Apostólicas. Toca repousar antes de continuar a ruta. Mañá, rumbo a Vigo.
Etapa 3. A Ramallosa-Vigo
Distancia: 20 quilómetros
Os pazos son un dos moitos atractivos desta ruta á beira do Atlántico e As Rías Baixas. O itinerario pasa xunto ao de Cadaval-Urzaiz, declarado Ben de Interese Cultural e cuxo orixe se remonta ao século XIV. O casal está rodeado por un fermoso conxunto axardinado.
Outro dos pazos na ruta é o de Cea, tamén no municipio de Nigrán, construído no século XVI e distinguido como Monumento Histórico e BIC.
Nigrán destaca polos seus areais, entre os que son especialmente recoñecidos A Praia América, Panxón e Patos, onde miles de bañistas acoden durante o verán para gozar dos seus días de lecer. Ademais, Patos é moi apreciada polas persoas amantes dos deportes náuticos, xa que é apta para modalidades coma o surf ou o windsurf.
O traxecto continúa ata Vigo, a cidade máis grande de Galicia, a través da senda fluvial do Lagares, o principal río da cidade olívica. O seu curso leva as e os peregrinos ata o fermosos parque de Castrelos, o lugar perfecto para tomar un descanso. Na parte alta atópase outro pazo, o de Quiñones de León, que alberga o museo da cidade, con ricas coleccións de arqueoloxía, escultura, debuxo, cerámica, pintura de diversas escolas e artes decorativas.
A orixe do edificio remóntase ao antigo pazo de Lavandeira , levantado cara a 1670. Os seus xardíns de estilo barroco e inspiración francesa, na parte posterior do edificio, datan do século XIX; chaman a atención as súas labirínticas sebes de mirto e o roseiral. Na parte baixa sitúase o xardín inglés, tamén chamado Pradeira do Té, que presenta numerosas variedades de plantas ornamentais e exóticas.
A etapa termina na igrexa da Inmaculada Concepción, tamén chamada dos Picos e inspirada en Le Corbusier.
Etapa 4. Vigo-Redondela
Distancia: 17 quilómetros
Unha boa forma de comezar a etapa é deambular polo casco vello de Vigo e gozar do seu animado ambiente.
Alí atópase a concatedral de Santa María , o principal templo da cidade, no que se garda a imaxe do Cristo da Vitoria, símbolo relixioso de Vigo. A procesión do Cristo atrae o primeiro domingo de agosto de cada ano decenas de miles de persoas.
A praza da Porta do Sol, a medio camiño entre o barrio histórico baixo e o alto, é un dos puntos neurálxicos da cidade. Está xusto á entrada da rúa do Príncipe, milla de ouro comercial de Vigo, e xunto ao ensanche, a zona de ampliación urbana que creceu progresivamente desde finais do século XIX. Alí atoparemos interesantes edificios de distintas escolas arquitectónicas.
Vigo ofrece estupendas vistas panorámicas ao mar sobre espléndidos miradoiros coma o do paseo de Afonso XII, a 500 metros da Porta do Sol, ou o da magnífica fortaleza do Castro. Desde alí divísase o porto, un dos máis puxantes de Europa, ao fondo as illas Cíes e enfronte a península do Morrazo, con excelentes praias.
O Camiño sae de Vigo a través da Ruta da Auga, que ofrece unha rica variedade natural e excelentes vistas, e avanza cara a Rande, escenario da épica batalla naval do 23 de outubro de 1702 entre a frota hispanofrancesa e a armada angloholandesa, vencedora esta última da contenda. Estes feitos deron lugar a lendas sobre tesouros e riquezas ocultas nas augas da ría.
A ruta adéntrase na enseada de San Simón, zona catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e rica en aves acuáticas. Destaca tamén polo cultivo de bivalvos, coas ostras como manxar principal.
Fronte á costa emerxe a illa de San Simón, que ao longo da súa historia foi desde centro monástico ata campo de concentración, lazareto e fogar para a formación de orfas e orfos de mariñeiros.
No paseo por Redondela as e os camiñantes atopan un rico patrimonio civil e relixioso, no que destacan o pazo de Torrecedeira , construído no século XVII, e a igrexa de Santo André de Cedeira, de estilo barroco e datada no século XVIII.
A Idade do Bronce deixou un rico legado de xacementos, desde petróglifos ata complexos funerarios e gravados rupestres en Redondela. A romanización deulle relevancia á localidade e, precisamente o Camiño de Santiago, aumentou a súa importancia no Medievo. Son característicos os seus viadutos do ferrocarril e o seu fermoso conxunto histórico.