Festivales Rías Baixas 2017
Buscador

Conservar, investigar, comunicar e expoñer a riqueza patrimonial é o labor fundamental dos museos, fundamentais para a evolución dunha sociedade grazas ao estudo e á educación. A riqueza patrimonial da provincia de Pontevedra converte estes espazos en referente destacado para achegarnos a un inxente legado cuxo descubrimento lles garantirá ás xeracións pontevedresas vindeiras o coñecemento necesario para o seu desenvolvemento e ás e aos viaxeiros unha experiencia única coa que enriquecer a súa visita ás Rías Baixas.

Museo de Pontevedra (Pontevedra)

Creado o 30 de decembro de 1927 pola Deputación Provincial para continuar o labor da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, da que herdou unha extraordinaria colección de obras de arte e documentos, o Museo de Pontevedra reúne na actualidade máis de 16.000 pezas entre pinturas, esculturas, debuxos, gravados, obxectos arqueolóxicos, moedas, instrumentos musicais, mobles, xoias etc. Os seus fondos abarcan desde a Prehistoria e Antigüidade ata o século XX, pasando pola Idade Media, o Renacemento e Neoclasicismo e o século XIX, ademais de contar con fondos de numismática, artes decorativas, etnografía e naval.

Seis son os edificios que o compoñen, situados todos na cidade de Pontevedra: as Ruínas de San Domingos, vestixios do convento homónimo de dominicos existente nos séculos XIV-XV; o Edificio Sarmiento, con fondos da Prehistoria e produtos cerámicos, ademais dunha importante colección de arte contemporánea e asiático-oriental; o Edificio Castro Monteagudo, sede fundacional do museo; o Edificio García Flórez , unha gran casa señorial urbana de finais do século XVIII; o Edificio Fernández López , que acolle fundamentalmente obras pictóricas dos séculos XIX e XX; e o Sexto Edificio, inaugurado en 2013 e que conta con dez mil metros cadrados para exposicións, conferencias e obradoiros.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra

Museo Quiñones de León (Vigo)

O Museo Municipal Quiñones de León, situado no antigo pazo de Lavandeira, naceu froito da doazón do marqués de Alcedo en 1924, aínda que esta non sería efectiva ata dez anos máis tarde. De entrada libre e gratuíta, alberga unha sección de arte con máis de 1.500 obras de pintura, escultura, debuxo, estampa e artes aplicadas; e dispón de materiais de gran número de xacementos tanto de Vigo coma de Galicia e doutras partes da Península. Os seus fondos son de extraordinario interese para coñecer a historia da cidade olívica desde o século XV ata os nosos días.

Un dos seus principais atractivos é a súa zona axardinada, concibida ao estilo dos grandes xardíns da Francia barroca a finais do século XIX, e con seis partes diferenciadas: o xardín de acceso, o roseiral, o xardín francés, o xardín inglés (coñecido como “pradería do té”), a solaina ao fondo e o bosque. Entre a gran variedade de plantas exóticas e ornamentais que deleitan as e os visitantes destaca a presenza de camelias xapónicas de máis de 200 anos, un tesouro botánico que o converte en cita imprescindible da Ruta da Camelia da provincia.

Museo Quiñones de León, Vigo
Museo Quiñones de León, Vigo

Museo Galego da Marioneta (Lalín)

A celebración en 1998 dunha exposición conmemorativa do XV aniversario da estrea do primeiro espectáculo de marionetas da compañía Viravolta Títeres foi o detonante que levaría a abrir tres anos máis tarde, en 2001, o Museo Galego da Marioneta, centro de referencia en Galicia para as e os apaixonados dos monicreques. Clausurado en 2010 á espera dunha mellor localización, o 13 de decembro de 2014 reabriu na súa actual localización, o pazo de Liñares de Lalín, unha edificación pacega de estilo barroco do século XVII declarada Ben de Interese Cultural.

O museo conta con dúas salas de exposicións nas que se poden apreciar máis de 300 pezas do mundo dos monicreques, unha biblioteca e centro de documentación especializado no mundo das marionetas, e unha interesante programación de actividades ao longo de todo o ano. Ademais, o seu fondo documental é ampliado ano a ano grazas ás incorporacións de novas pezas, libros, vídeos e outros materiais sobre unha temática que apaixona tanto a grandes coma a pequenas e pequenos e que nos fará descubrir na visita o noso lado máis fantasioso e divertido.

Museo Gallego de la Marioneta, Lalín
Pazo Liñares, Lalín

Museo MARCO (Vigo)

En pleno centro de Vigo atópase o Museo de Arte Contemporánea (MARCO), un centro de arte creado para a difusión de propostas culturais contemporáneas. O edificio que o alberga, deseñado polo arquitecto José M.ª Ortiz no ano 1861, foi anteriormente Pazo de Xustiza e cárcere, pero desde 2002 acolle numerosas mostras de artistas locais e internacionais de gran prestixio, o que converteu o centro museístico nun gran referente do vangardismo galego e internacional.

Unha das principais apostas do MARCO é o seu programa educativo, con visitas e obradoiros para escolares, actividades para familias, talleres infantís de verán, cursos de adultos, visitas guiadas e obradoiros de artista. Actividades paralelas e complementarias das exposicións, coma seminarios, concertos, conferencias ou ciclos de cinema, ademais dos servizos de Biblioteca e Centro de Documentación, completan unha rica oferta orientada a crear e fomentar hábitos de consumo cultural entre as e os visitantes.

Museo Marco, Vigo
Museo Marco, Vigo

Museo Massó (Bueu)

Nas instalacións da antiga conserveira Massó Hermanos, próxima ao porto de Bueu e en plena península do Morrazo, atópase o Museo Massó, creado a raíz da idea suxerida por Guillermo Marconi durante a súa visita en 1928 á fábrica. Aberta en 1883 sobre unha anterior fábrica de salgadura e unha das maiores de Europa do seu tempo, o museo repasa a historia da emblemática conserveira e da antiga baleeira do complexo industrial. Ademais, recóllese o testemuño da actividade pesqueira, protagonista da vida na fermosa localidade mariñeira na que se atopa.

A riqueza da colección de instrumentos de navegación, documentos e libros editados entre os séculos XV e XIX, obxectos curiosos e maquetas de barcos históricos que atesouraban os irmáns Massó, Gaspar, José María e Antonio, foi o punto de partida dun museo construído sobre o máis antigo da fábrica e que abriu as súas portas en 1932. Hoxe en día permanece como fiel testemuña do patrimonio marítimo e industrial galego e permite achegarnos de maneira gratuíta ao incrible mundo das e dos traballadores do mar.

Museo Massó, Bueu
Museo Massó, Bueu

Museo do Mar de Galicia (Vigo)

Situado tamén nunha antiga fábrica de conservas, neste caso a de Alcabre-Molino de Viento (1887), atópase o Museo do Mar de Galicia, deseñado polo arquitecto italiano Aldo Rossi e o galego César Portela. En 14.000 metros cadrados, este centro aberto ao público en 2002 en Vigo conta cun xardín, cinco naves rehabilitadas, unha praza, un edificio de nova planta, un porto no que se sitúa o acuario e o faro como fiel compañeiro do océano Atlántico, que rodea todo o recinto.

Nun percorrido que busca a diversidade entre os espazos interiores e exteriores, o museo conta cun espazo gratuíto para que a persoa visitante entre en contacto co mar e unha exposición permanente de pago, centrada na historia económica e social da industria pesqueira galega. Ademais, no acuario poderemos coñecer de preto os ecosistemas das rías de Galicia, e o xacemento arqueolóxico adxacente ilustraranos sobre as explotacións de recursos pesqueiros xa desde a Prehistoria.

Museo del Mar de Galicia, Vigo
Museo del Mar de Galicia, Vigo

Museo MASAT (A Guarda)

Na sala de exposicións do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT), fundado en 1917, poderemos atopar unha visión dos sucesivos períodos do castro e os traballos arqueolóxicos de investigación centrados neste poboado castrexo-romano datado entre os séculos IV a. C. e I d. C. Nun repaso desde a Prehistoria e a Idade de Bronce ata a época castrexa e romana, poderemos ver raspadores, picos asturienses, machadas, gravados rupestres, útiles e elementos de culto e ornamentación.

O que foi o primeiro museo arqueolóxico de Galicia e un dos máis antigos da comunidade atópase situado nunha localización estratéxica, na cima do monte Trega, unha impoñente atalaia de 341 metros de altitude que ofrece espectaculares vistas, nun ángulo de 360 graos, da fronteira natural entre Galicia e Portugal que debuxa o río Miño na súa desembocadura. Ademais, o centro expositivo conta cunha aula para a realización de obradoiros didácticos para estudantes de todas as idades.

Museo Massat, Santa Tegra, A Guarda
Museo Masat, Santa Tegra, A Guarda

Museo Verbum (Vigo)

Tamén coñecido como Casa das Palabras, o Museo Verbum de Vigo atópase nunha contorna envexable, nas proximidades da praia de Samil. Proxectado polo arquitecto galego César Portela para constituírse nun espazo cultural, lúdico e divulgativo no que participar de modo activo nos elementos expositivos a través de xogos, este museo interactivo céntrase en todos os ámbitos relacionados coa comunicación humana: linguaxes, idiomas, palabras, letras, sons, signos…

Organizada en vinte e nove cubos, con oitenta e un módulos en total, a estrutura de catro plantas está unificada por unha caixa de luz que as atravesa e relaciona, a semellanza dun conxunto de caixas chinesas que conteñen unhas a outras. Este espazo de entretemento vigués alberga unha sala de exposicións temporais, así como un auditorio e unha aula para seminarios, ademais de organizar actividades interactivas destinadas a escolares, asociacións culturais, familias e todo tipo de visitantes.

Museo Verbum, Casa das Palabras, Vigo
Museo Verbum, Casa das Palabras. Vigo