Lánzate á aventura
Se che gusta a aventura, As Rías Baixas é o teu destino. A natureza, xenerosa con esta terra, creou múltiples escenarios para o turismo activo no litoral e na montaña. Prefires deportes náuticos, sendeirismo, bicicleta de montaña ou espeleoloxía? Elixe!
Os case 400 quilómetros de costa da provincia de Pontevedra e a súa perfecta combinación entre areais de augas mansas e outros en mar aberto sitúana como unha das grandes capitais do deporte náutico.
Esquí acuático, bodyboard, surf, wíndsurf, kitesurf, vela e mergullo son só algunhas das alternativas para gozar dun auténtico paraíso sobre e baixo as augas do Atlántico.

En terra firme, As Rías Baixas é un destino multiaventura. A súa orografía, as súas fervenzas e serras e os seus sinuosos ríos, sumados a un clima suave, fan da provincia de Pontevedra a alternativa perfecta para aquelas persoas que buscan gozar de emocións intensas aproveitando as opcións que xeran os recursos naturais.
Os ríos prometen un verdadeiro exercicio de técnica e forza con actividades de barranquismo, piragüismo, kaiak ou balsismo.
Entre as actividades destacan o montañismo, as rutas a cabalo, a escalada, o rapel, o pontismo en Arbo ou Pontevedra, ou o barranquismo na foz do río Verdugo en Ponte Caldelas.

Desde o alto
Voar é un soño recorrente e hai firmas nas Rías Baixas que xa o fan posible. Goza dun voo bipraza acompañado dunha ou dun monitor profesional e suca os ceos da ría de Vigo nunha experiencia inesquecible en parapente. Realízanse saídas desde Lapamán (Marín), Santa María de Oia ou o monte Xaxán (Pontevedra) con vistas a San Simón, Cerdedo ou Baiona. Os deportes aéreos viven un momento doce e xa se ofrecen voos en ultralixeiros e mesmo a opción de pilotar un helicóptero.

Elixe a túa especialidade e seguro que atopas o que buscas en Pontevedra, cunha arraigada tradición e fermosas rutas propicias para a bicicleta de montaña. Hai tamén cinco campos de golf para exercitarse rodeados pola natureza. Quen queira liberar adrenalina debe dirixirse cara ao interior. Os ríos da provincia prometen un verdadeiro exercicio de técnica e forza con actividades de piragüismo, kaiak no Umia ou no Lérez, ou balsismo nas proximidades das fervenzas.
Entre as actividades que crecen en popularidade está o tiro con arco e o paintball, pero o prato forte pola súa espectacularidade constitúeno as actividades aéreas: parascending en Sanxenxo, parapente en Santa María de Oia, paseos en avioneta con saída de Peinador ou viaxes en globo aerostático desde Vigo e Tui.
Non o podes perder...
- Praia de Patos
- Fondos mariños de Cíes
- Viaxes en globo desde Vigo e Tui
- Salto desde pontes en Arbo