Cambados, o berce do albariño
Patrimonio, historia e bodegas espectaculares. Cambados ofrece múltiples atractivos para quen queira gozar do aroma da veciñanza, unha variada gastronomía vinculada ao mar e o seu señorial conxunto histórico
A súa histórica cultura do viño, o éxito irresistible da Festa do Albariño —declarada de interese turístico internacional— e a calidade da denominación de orixe (D. O.) Rías Baixas catapultaron Cambados como unha das grandes capitais vitivinícolas e son o aliciente perfecto para o seu rico patrimonio e historia como pobo.
Fenicios, romanos, godos, sarracenos e normandos ameazaron as súas costas en diferentes períodos e foron repelidos desde a torre de San Sadurniño, cuxas ruínas se conservan no illote da Figueira.
O valor da veciñanza animou a Fernando ii a outorgarlle a distinción de «Moi Real Vila» no século xii, co que se inaugurou un período de crecemento e esplendor que as e os visitantes aínda perciben en construcións nobres como os pazos de Torrado, Bazán, Ulloa ou Moltó.
A visita ás bodegas permitirache saborear os viños da D. O. Rías Baixas, recoñecidos en todo o mundo
O casco antigo cambadés, onde brillan con luz propia os pazos de Fefiñáns e Montesacro, é perfecto para percorrelo a pé e un aperitivo idóneo antes de internarse nalgunha das bodegas nas que catar o mundialmente recoñecido viño albariño.
A capital do Salnés ofrece múltiples plans. A visita ao municipio debe incorporar paradas no Museo Etnográfico e do Viño para coñecer a orixe das súas fértiles vides, os métodos de cultivo, a vendima e o seu impacto sobre o terreo. E se unha copa de albariño é a primeira imaxe que evoca Cambados na mente das e dos viaxeiros, a segunda deberían ser unhas boas vieiras preparadas ao estilo da vila, produto estrela da gastronomía local.
As persoas que acaben de chegar á cidade deben camiñar ata a aba do monte da Pastora para visitar as ruínas de Santa Mariña Dozo (século xvi), un dos recunchos máis especiais da comarca, antigo templo cunha impresionante arquitectura e cemiterio histórico no que parece deterse o tempo.
Festa do Albariño
Con tantos eventos de verán nas Rías Baixas é difícil non perderse ningún, así que empeza a organizar a túa axenda. Marca no calendario a semana do 31 de xullo ao 4 de agosto, cando se celebra a Festa do Albariño en Cambados: unha gran variedade de actividades culturais, un ambiente excelente e, por suposto, os mellores viños da D. O. Rías Baixas.
Unha ruta entre viñedos
Cambados conta cun percorrido de bodegas, viñedos, salas de cata e infraestruturas que a converten nunha das grandes zonas vitivinícolas de España. Se buscas unha experiencia enolóxica completa, son moitas as bodegas incluídas na Ruta do Viño Rías Baixas. Podes comezar polos pazos de Fefiñáns e A Capitana, e visitar outros clásicos como as Bodegas Martín Códax ou a Bodega Condes de Albarei. Ademais, no teu percorrido non esquezas Don Olegario, Lagar de Costa, Bodega Casa da Barca e Bodegas Albamar.
Non o podes perder...
- Igrexa de Santa Mariña Dozo
- Museo do Viño
- Pazo de Fefiñáns
- Torre de San Sadurniño