A campaña "Somos historias" triunfa nas redes sociais
"Somos historias" seduciu ao público que presenciou a presentación en Fitur 2018, e cultivou tamén un gran impacto na internet e as redes sociais. A curtametraxe estrela da campaña da Deputación de Pontevedra superou nunha soa xornada as 20.000 visualizacións entre as súas propias canles e a reprodución nos principais medios de comunicación da provincia. Máis de 800 persoas, ademais, seguiron en directo a posta de longo de "Somos historias" no principal escaparate turístico mundial.
O éxito foi rotundo, así mesmo, en Twitter , onde en só 24 horas a etiqueta #Somoshistorias sumou os tres millóns de impresións. "O impacto foi espectacular", explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao facer balance da presentación esta mañá.
A elección de María Vinyals como fío condutor da campaña foi eloxiada polos asistentes á presentación en Madrid, quen resaltou a calidade e creatividade do curtametraxe Rías Baixas: Somos historias. "É unha peza marabillosa, cinematográfica, que esperta as emocións e non deixou indiferente a ninguén", salientou Carmela Silva.
Tamén tivo unha gran acollida a caixa regalo entregada ao público, que contén pastas de té e nubes elaboradas con camelia, un proxecto desenvolvido polo alumnado do CIFP Carlos Oroza e o IES Montecelo.
A lenda do " Alemanote", a pantasma do castelo, será incorporada á musealización, que estará terminada a finais de abril
Un dos aspectos que máis curiosidade espertou durante o acto en Fitur foi a referencia á pantasma do castelo de Soutomaior. O achado desta lenda produciuse da man de María Vinyals quen, entre os seus escritos e documentos, conta a historia do "Alemanote", o espectro co que ela mesma e o seu marido convivirían no castelo de Soutomaior. Este misterioso relato será incluído no proxecto de musealización que a Deputación realiza actualmente na fortaleza, que reabrirá as súas portas a finais de abril cun aspecto innovador.
MasterChef desembarcará no Val Miñor
A delegación de Rías Baixas mantivo unha intensa actividade en Fitur. Entre os acordos destaca o alcanzado coa produtora do programa MasterChef, que esta semana empezará a buscar localizacións en Baiona. "Desta maneira promocionaremos todo O Val Miñor nun programa de ámbito estatal que é un dos maiores éxitos de audiencia do momento", resaltou Carmela Silva.
Ademais os técnicos e técnicas de turismo mantiveron preto de 20 reunións comerciais relacionadas coa promoción do destino Rías Baixas e o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC's) na xestión de espazos turísticos.
Por outra banda, o deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, recolleu un ano máis os distintivos Q de Calidade das oficinas do Palacete das Mendoza e o Mosteiro da Armenteira; así como o selo para a oficina do aeroporto de Peinador, que este ano recibiu por primeira vez a Deputación de Pontevedra.