Visitas guiadas aos cemiterios de Cambados e Vigo
Baixo a lema "Visitas singulares Rías Baixas: Cemiterios Históricos", a Deputación de Pontevedra porá en marcha estes días unha campaña para dar a coñecer os camposantos da provincia que posúen interese artístico e histórico. A iniciativa consiste na publicación en Turismo Rías Baixas dunha proposta de visitas turísticas a seis cemiterios singulares: Santa Mariña Dozo, en Cambados; o cemiterio dos ingleses, en Vilagarcía de Arousa ; o de San Mauro, en Pontevedra; Pereiró, en Vigo; Os Eidos, en Redondela, e Arcos de Furcos, en Cuntis .
Como parte da campaña, o sábado 21 de outubro celebrarase no cemiterio cambadés de Santa Mariña Dozo, ás 18:30 horas, unha visita guiada e, posteriormente, o grupo Cómplices ofrecerá un concerto titulado Claves líricas no que propón unha representación poética e musical de Valle-Inclán. Dáse a circunstancia de que no camposanto de Cambados están enterrados varios familiares do escritor, entre eles, un fillo. O espectáculo combina música, poesía e proxeccións e para realizalo Teo Cardalda contou coa colaboración de Javier del Valle-Inclán, un dos netos do creador do esperpento. A actuación será ás 20:00 horas e a entrada é gratuíta.
Os cemiterios históricos constitúen en moitas cidades do mundo puntos de atracción turística, debido ao seu valor cultural e testemuñal. O Consello de Europa recoñeceu en 2010 a Ruta dos Cemiterios Europeos como itinerario cultural e en España existe unha vintena de camposantos clasificados como de interese turístico. Na provincia de Pontevedra tamén contamos con camposantos singulares, cuxos detalles serán divulgados moi pronto nesta web.
Visitas teatralizadas en Pereiró
Turismo de Vigo puxo en marcha unha serie de visitas guiadas teatralizadas ao cemiterio de Pereiró con motivo da celebración do Día de Todos os Santos. Pereiró é o cemiterio máis grande e monumental de Vigo e destaca pola calidade artística dos seus mausoleos. Con esta iniciativa poderán coñecerse as principais pezas do lugar da man de guías caracterizados como Concepción Arenal ou Cachamuíña, dúas personalidades que descansan no cemiterio.
En total, serán 14 xornadas de visitas, do 20 de outubro ao 12 de novembro, entre as 19:00 e as 21:00 da tarde. As rutas arrincan a fin de semana do 20 ao 22 de outubro, continúan do 27 ao 31, e despois os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de novembro. Ademais, o 1 de novembro, Día de Todos os Santos, haberá unha actuación dun cuarteto de corda ás 12:00 en Pereiró.
As persoas interesadas en participar nas visitas teatralizadas deben reservar a súa praza inscribíndose de forma presencial no Centro de Recepción de Visitantes de Vigo, situado na Estación Marítima de Ría, entre as 10:00 e as 17:00 da tarde de luns a domingo (1 de novembro pechado).