Festivales Rías Baixas 2017
Buscador

Centros de interpretación da provincia de Pontevedra

Aprender de forma creativa para descubrir o legado cultural e histórico das nosas e os nosos antepasados é o obxectivo dos centros de interpretación distribuídos por toda a provincia de Pontevedra. A lamprea, o viño, os petróglifos, a conserva, o patrimonio fortificado ou o papel decisivo da muller nos labores tradicionais do campo son só algúns dos aspectos da nosa historia que, grazas a visitas guiadas, obradoiros e todo un despregamento de recursos e medios audiovisuais, poderemos descubrir na nosa visita.

Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea (Arbo)

Coa finalidade de dar a coñecer a enorme vinculación histórica dos arbenses co viño e a lamprea xorde, na antiga escola da localidade, o Centro de Interpretación Arabo, dedicado á misteriosa habitante do río Miño e aos caldos da Denominación de Orixe Rías Baixas na zona do Condado do Tea. Conta con tres plantas nas que se recollen a historia de Arbo, a do viño e as características da vida da lamprea, protagonista dunha festa declarada de Interese Turístico Nacional en 2016, ademais dun salón de actos e unha vinoteca con propostas de ata nove adegas da comarca.

Centro de Interpretación del Vino y la Lamprea en Arbo
Centro de Interpretación del Vino y la Lamprea en Arbo

Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

Nunha superficie de vinte hectáreas na que se atopa a maior concentración de figuras de arte rupestre ao aire libre de Europa podemos visitar o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR), un innovador espazo expositivo no que coñecer en detalle os petróglifos de Galicia, aprender como se realizaron, identificar os motivos máis frecuentes, desentrañar o seu significado e entender a vida das nosas e dos nosos antepasados. Foméntase, ademais, a investigación e a aprendizaxe de maneira participativa e didáctica grazas a visitas guiadas, teatro, visitas nocturnas e talleres escolares.

Parque Arqueológico de Campo Lameiro
Parque Arqueológico de Campo Lameiro

Centro de Interpretación da Conserva (A Illa de Arousa)

Todo o proceso produtivo dunha conserveira do século XIX é o que descubriremos se visitamos o Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa, situado nun edificio con reminiscencias do modernismo catalán que albergou no seu momento a fábrica de conservas de Goday, a primeira conserveira industrializada de Galicia. Nas súas proximidades tamén poderemos visitar o antigo Muelle de Pau, un peirao de madeira construído a principios do século XX desde o que gozar das incribles paisaxes naturais que debuxan mar e vexetación na ría de Arousa.

Centro de Interpretación de la Conserva en A Illa de Arousa
Centro de Interpretación de la Conserva en A Illa de Arousa

Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (Pontevedra)

Se visitamos a cidade de Pontevedra , un dos imprescindibles será percorrer o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, un museo subterráneo no que se atopan os muros que formaban parte do foso defensivo da antiga fortaleza medieval. Construído a comezos do século XII, o castelo foi destruído no século XVIII durante os ataques ingleses, mentres que a súa torre de homenaxe perduraría como prisión ata o século XIX, momento no que sería derrubada. Na actualidade un audiovisual duns quince minutos de duración explica detalladamente cal era a funcionalidade da muralla defensiva.

Centro de Interpretación de las Torres Arzobispales, Pontevedra
Centro de Interpretación de las Torres Arzobispales, Pontevedra

Museo Meirande, Centro de Interpretación Batalla de Rande (Redondela)

Situado na impresionante enseada de San Simón, nas antigas instalacións da “fábrica do alemán” ou conserveira Boyé, atópase o Museo Meirande ou Centro de Interpretación da Batalla de Rande, unha importante contenda librada no estreito de Rande o 23 de outubro de 1702 entre anglo-holandeses e hispano-franceses que Xulio Verne inmortalizaría en 20.000 leguas baixo dos mares. Neste espazo que busca enxalzar o patrimonio industrial e naval da ría de Vigo poderemos ver máquinas de vapor do século XIX, maquetas de galeóns e a recreación dunha das súas adegas, réplicas de lingotes e unha sala de navegación cun gran número de elementos de cartografía (compases, mapas, astrolabios etc.).

Museo Meirande o Centro de Interpretación de la Batalla de Rande en Redondela
Museo Meirande o Centro de Interpretación de la Batalla de Rande en Redondela

Centro de Interpretación das Telleiras (Sanxenxo)

O Complexo Intermareal Umia-O Grove foi aproveitado durante centos de anos para a extracción de arxila sedimentada coa finalidade de obter ladrillos e tellas nas denominadas telleiras. Recoñecer a importancia desta industria para o desenvolvemento económico da comarca é un dos obxectivos do Centro de Interpretación das Telleiras, situado nunha antiga fábrica próxima ao mar en Sanxenxo . Xunto ao edificio, unha superficie de 2.600 metros cadrados na que se recolle como era o traballo e a fabricación deste tipo de cerámica, pódense visitar os restos dun forno orixinal do século XIX.

Centro de Interpretación de As Telleiras
Centro de Interpretación de As Telleiras

Centro de Interpretación dos Muíños (Meis)

Na marxe esquerda do río Armenteira atoparemos un conxunto de muíños de auga construídos no ano 1700 co fin de moer diferentes tipos de gran e cereal. Nun contorno paisaxístico único, a coñecida como Ruta da Pedra e da Auga percorre nos seus 6,5 quilómetros estas construcións á vez que permite gozar da beleza natural da provincia de Pontevedra. Nun deles, o Muíño da Casa, está o Centro de Interpretación dos Muíños, cunha exposición permanente na que poderás descubrir as partes e o funcionamento dun muíño e aprender máis deste oficio fundamental na nosa historia.

Centro de Interpretación da Muller Labrega (Meaño)

Renderlle homenaxe á muller galega que durante anos sustentou a toda a familia grazas ao seu traballo tanto na casa coma no campo é o obxectivo do Centro de Interpretación da Muller Labrega , no interior do Salnés. No centro, situado no barroco pazo de Lis, en Meaño, atoparemos unha excelente hemerotecasala de conferencias e unha exposición permanente de útiles relacionados co liño, o pan e a costura, ademais de material audiovisual co que se reivindica o papel fundamental do esforzo e a ansia de superación feminina no progreso da sociedade galega.

Centro de Interpretación Fluvial do río Umia (Ribadumia)

O río Umia nace nas proximidades da serra do Candán, en Forcarei, e percorre os municipios da Estrada, Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Portas, Meis, Ribadumia e Cambados, creando unha cunca de 404 km² na que a paisaxe, a vexetación e a fauna debuxan un contorno natural único. Para dar a coñecer esta realidade xorde o Centro de Interpretación Fluvial de Ribadumia, un antigo refuxio de pescadores no que tamén se aborda a relación do home con este espazo fluvial fundamental para a vida a través da pesca, os muíños e as pontes.

Centro de Interpretación Fluvial del Río Umia en Ribadumia
Centro de Interpretación Fluvial del Río Umia en Ribadumia

Centro de Interpretación da Cultura Popular (Mondariz)

Unha das xoias do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra, o castelo de Sobroso, alberga o Centro de Interpretación da Cultura Popular , cunha exposición permanente de roupas e útiles profesionais. Dividido en catro espazos, nel poderemos atopar unha mostra de roupa tradicional da zona de finais do século XIX, unha sala dedicada ao proceso de transformación do liño, outra dedicada aos oficios tradicionais (con útiles de cesteiros, zoqueiros, carpinteiros, costureiras etc.) e unha recreación das estancias dunha casa campesiña da Galicia tradicional.

Castillo de Sobroso, Mondariz
Castillo de Sobroso. Mondariz

Centro de Interpretación do Castro de Vigo

A 150 metros sobre o nivel do mar atópase o monte do Castro, un pulmón verde cunha rica flora e impresionantes vistas en pleno centro urbano da cidade de Vigo. Na súa ladeira atópase o xacemento arqueolóxico do mesmo nome, de 1.800 m2, cuxa orixe se fixaría entre os séculos II a. C e III d. C. O Centro de Interpretación do Castro inclúe a reconstrución de tres edificacións castrexas reconstruídas coa información proporcionada polas escavacións, nas que se mostra como vivían os habitantes dos castros 2.000 anos atrás.

Centro de Interpretación de O Castro en Vigo
Centro de Interpretación de O Castro en Vigo

Centro de Interpretación do Patrimonio de Taboexa (As Neves)

Co fin de promover un ambiente para a aprendizaxe creativa, dándolles a coñecer ás xeracións actuais o significado dun legado cultural e histórico de gran valor, grazas aos bens arqueolóxicos e arquitectónicos da zona, xorde o Centro de Interpretación do Patrimonio de Taboexa, nas Neves. Conta cunha exposición permanente sobre todo tipo de recursos patrimoniais (castros, petróglifos, capelas, cruceiros, petos de ánima, muíños de auga, etc.); catro son as súas principais funcións: investigación, conservación, divulgación e posta en valor do contorno, organizando para tal fin rutas guiadas previa cita.

Centro de Interpretación O Quinteiro de Temperán (O Grove)

Unha antiga casa agraria do século XVIII que permite acceder ao coñecemento do mundo rural de Galicia. Así poderiamos definir o Centro de Interpretación O Quinteiro de Temperán, no Grove, que posibilita o coñecemento da cultura tradicional do campo galego, tanto a través do espazo físico onde se sitúa (a propia casa como lugar onde habitaba a familia e se realizaban actividades económicas para o seu propio benestar e prosperidade) coma na súa actual función de lugar de aprendizaxe ao ser reconvertido nun proxecto museístico centrado na etnografía da zona.

Centro de Interpretación O Quinteiro de Temperán en O Grove
Centro de Interpretación O Quinteiro de Temperán en O Grove