Goza dunha regata na baía de Baiona
As Rías Baixas acollen unha nova regata só dúas semanas despois de que se celebrase outra en Sanxenxo. No evento anterior tratábase da 3.ª Regata Juan Carlos I (8.ª Regata 6 m Sanxenxo), que contou coa presenza de caras coñecidas como a do actor Álex González, que está rodando recentemente Vivir sin permiso en Galicia xunto con José Coronado.
A regata, que comeza o día 14 de outubro, é a última que organiza este ano o club baionés Monte Real Club de Yates e que se realiza dentro do marco da Liga de Outono AXA J80. A súa característica principal é que terá lugar integramente na baía de Baiona, polo que pode ser un bonito espectáculo para quen desexe achegarse a velo.
Baiona é líder en toda Galicia na recepción de embarcacións de tránsito con 756 nos meses de xullo e agosto
O evento desenvolverase en 4 días diferentes, o 14 e 28 de outubro e o 12 e 25 de novembro, e terá tres probas por xornada. En canto aos competidores, a maioría forman parte do Monte Real Club, aínda que tamén participan outras embarcacións galegas nas que se inclúen os gañadores da edición anterior: o Okofen patroneado por Javier da Gándara, o Namasté de Luís de Mira e o Miudo de Francisca Barros.
Ademais, como dato destacado, o presidente de Portos de Galicia anunciaba nunha das reunións de preparación para este evento o papel tan importante que desempeña Baiona dentro do mundo náutico, ao ser líder galego en recepción de embarcacións en tránsito con 756 nos meses de xullo e agosto.
Quen se achegue a esta cidade do sur de Pontevedra pode visitar estes días outro popular veleiro, a réplica da Pinta, que chegou das Américas a esta vila hai máis de 500 anos. Outros puntos turísticos son a fortaleza de Baiona , o Parador ou a zona vella. Tamén se pode dar un paseo pola zona dunar ata A Ramallosa , espazo protexido de aves, e mesmo percorrer a bonita costa rochosa ata A Guarda pasando polo mosteiro de SantaMaría de Oia.