O festival Play-Doc presenta 12 títulos de cinema galego, 5 deles en estrea mundial
O Festival Internacional de Documentais Play-Doc inicia este mércores unha nova edición, a que será o número 13. O certame, que se desenvolve en Tui ata o domingo, achega ao público diversas estreas, óperas primas e colaboracións. Así se destacou hoxe na súa presentación oficial no Teatro Municipal da localidade, un acto no que estiveron presentes os organizadores do festival, Sara García e Ángel Sánchez, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o deputado provincial Xosé Leal.
En concreto, a presente edición de Play-Doc arranca ás 20.30 horas coa proxección de "On the Bowery" e o espectáculo de danza "Commutatio" de Javier Martín. Nesta ocasión, homenaxéase de modo especial ao realizador Dominic Gagnon. Así, o realizador franco-canadiano terá en Tui a súa primeira retrospectiva no Estado español e unha das poucas que se lle dedicou no contexto europeo. O XIII Play-Doc caracterízase ademais por ter nesta edición o programa de cinema galego máis extenso de toda a traxectoria do festival, con 12 títulos, e 5 deles en estrea mundial.
Así, o programa galego está formado polos filmes ‘O equilibrio dos opostos' de Alberto Baamonde, ‘Lenda Negra' de Elisa Celda, Caludia Gracia, Mario Sanz e Óscar Vicetelli, ‘Quiasma' de Tono Mejuto, ‘Rapa das Bestas' de Jaione Camborda, ‘Rust' de Eloy Domínguez, ‘La fuga de los 45' de Cristina Caamaño, ‘Montañas ardientes que vomitan fuego' de Helena Girón e Samuel M. Delgado, ‘Una vez fuimos salvajes' de Carmen Bellas, ‘Vai chover' de Santiago D. Risco, ‘Esquece Monelos' de Ángeles Huerta, ‘Aysha' de Fon Cortizo, e ‘Manuel Vilariño. Ser luz' de José Manuel Mouriño.
Ademais das propias proxeccións, o programa deste certame inclúe outras actividades como concertos e encontros con profesionais do sector.