"As cociñas do Vindel", tapas con gusto medieval
A exposición do Pergamiño Vindel, a xoia do cancioneiro medieval galego, segue inspirando todo tipo de iniciativas lúdicas e culturais desde a súa chegada a Galicia procedente de Nova York, o pasado mes de setembro. Nesta ocasión é un concurso de tapas o que toma o nome do Vindel para retar aos restaurantes de Redondela, Baiona, Vigo e Cangas a que elaboren pequenos bocados con ingredientes propios dos séculos XIII e XIV.
O certame, denominado "Vindetapas, as cociñas do pergamiño Vindel", arrinca o día 12 de xaneiro en Redondela e Baiona e conta coa participación de nove restaurantes en cada unha destas cidades. Ata o 21 do mesmo mes, ofrecerán aos seus clientes tapas en cuxa elaboración foron vetados os alimentos que chegaron á península ibérica tras o descubrimento de América; por exemplo, a pataca, o millo, o tomate, o cacao, o pemento, o cacahuete, a cabaza, a piña ou o aguacate. No seu lugar, utilizaranse ingredientes como a castaña ou a charouvía.
Os comensais poderán valorar e puntuar cada unha das propostas e aqueles que completen as nove "paradas" de Vindetapas poderán optar ao sorteo de varios produtos turísticos, como ceas, circuítos termais e estancias de turismo rural.
Tras a experiencia de Redondela e Baiona, os restaurantes de Vigo e Cangas tomarán a substitución do concurso do 2 ao 11 de febreiro. A gran final de Vindetapas terá lugar en Vigo no mes de marzo e nela participará un xurado profesional designado pola organización.