Ir o contido principal
DESCUBRIR

Alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas

Arte floral aos pés de Ponteareas

Un impresionante mosaico de pétalos tapiza o centro da vila

Con minucia, con delicadeza e, sobre todo, con dedicación. Así se preparan en Ponteareas as alfombras florais que, con motivo da celebración do Corpus Christi, levan o nome desta localidade por todo o mundo. Comeza a conta atrás para unha festa que xunta arte e fervor relixioso.

 

Corpus cristi

 

A celebración do Corpus Christi de Ponteareas viu recoñecido o seu interese turístico internacional en 2009. Sobran as razóns. As persoas que acudan por primeira vez a este municipio descubrirán que a arte non sempre se atopa á altura dos ollos. É o caso das aplaudidas alfombras florais que, cada ano, engalanan os chans deste territorio de Pontevedra.

Respecto aos motivos artísticos que conforman os lenzos, destacan aqueles de carácter xeométrico e as orladuras, que comezaron a debuxarse nas primeiras décadas do século XX.

As veciñas e veciños da localidade son os artífices dunha celebración que, desde mediados do século XIX, sorprende aquelas persoas que a descobren ou repiten a súa visita a Ponteareas; máis concretamente desde 1857, momento desde o que, polo Corpus  Christi, as alfombras cobren unha vintena de rúas.

Choiva de pétalos

Horas de dedicación permiten confeccionar estes enormes tapices. Centos de miles de pétalos e flores conforman estas obras de arte efémera coas que se recibe ao Santísimo Sacramento. Destacan especialmente os últimos preparativos do sábado ao domingo, cando se intensifica o ritmo de traballo para que, á alba, as alfombras estean listas. O espectáculo de aroma e cor inúndao todo.

Creada en 1208, a festividade do Corpus Christi estendeuse por todo o mundo. En Ponteareas conta con características moi propias, como varias paradas durante a procesión. A primeira ten lugar na praza Maior, o escenario da alfombra máis grande. Outra destas pausas realízase na rúa San Gregorio, un espazo no que antigamente se confeccionaba un cruceiro de madeira cuberto de fiúncho. O Santísimo continúa o seu paso acompañado por unha choiva de pétalos que, desde os balcóns, dan forma a un dos instantes máis peculiares desta festividade. Ponteareas tamén acolle alfombristas doutras zonas, entre as que destaca a vila canaria de La Orotava, que lle dá forma a unha alfombra con terras volcánicas do Teide.

Itinerario

O itinerario ten puntos clave como a praza de Bugallal, a rúa de Oriente, a praza Maior, a rúa dos Ferreiros, a do Doutor Fernández de la Vega, a de Reveriano Soutullo ou a avenida da Constitución. Cabe sinalar que a súa orixe se sitúa na rúa de Abaixo ou rúa Real, e desde alí estendeuse cara a outras zonas

As veciñas e veciños adoitan repartir a tarefa de confección das alfombras por portais ou baixos, e esfollan as flores para usalas posteriormente. Cada persoa coñece a súa función, desde o almacenamento e a distribución dos pétalos ata a confección dos debuxos e o seu recheo. Precisamente, o deseño dos padróns é a primeira fase do proceso de elaboración que se realiza con meses de antelación. Unhas semanas antes da festa recóllense os vexetais e, posteriormente, as flores. Xa sobre o asfalto, o sábado pola tarde colócase o padrón sobre o que se plasmarán os debuxos, que se cubrirá despois con flores.

A partir dos noventa incorporouse a exposición vitivinícola «Arbomostra» e, en 1996, comezou a celebrarse a Festa da Lamprea Seca a primeira fin de semana de xullo, organizada polos restaurantes do municipio, que se complementa cun interesante programa cultural e de actividades.

Alfombra florar corpus Cristi
Alfombra florar corpus Cristi
Alfombra florar corpus Cristi
Alfombra florar corpus Cristi
Alfombra florar corpus Cristi
Desplegable