Festas da Semana Santa
Semana Santa nas Rías Baixas
Cangas e Meis son as capitais desta festa na provincia de Pontevedra
Se hai dous puntos neurálxicos da Semana Santa na provincia de Pontevedra, eses son, sen dúbida, os municipios de Cangas e Meis. A Semana Santa de ambas, que teñen recoñecido o seu interese turístico galego, son sinónimo de solemnidade, realismo e alta espiritualidade. Revivirás a paixón de Cristo!
CANGAS
A gran participación é un dos sinais de identidade da Semana Santa de Cangas, no Morrazo, hoxe consolidada e arraigada. A Cofradía de la Virgen de los Dolores y de la Soledad, a do Santísimo Cristo del Consuelo e a da Misericordia teñen a súa orixe no século xviii. Ao longo dos anos, os seus rituais fóronse enriquecendo e déronlle lugar a unha das escenificacións máis vistosas e artísticas, e de máis acollemento. Hoxe, esta tradición está considerada como unha das máis completas e espectaculares de toda a provincia.
As tallas, que destacan por ser articuladas e tamén polo seu tamaño e decoración, van precedidas polo paso das e dos penitentes encapuchados. Estas figuras, practicamente únicas en Galicia, levan ademais o selo do mestre Cerviño, escultor do famoso cruceiro do Hío.
As tallas articuladas e fermosamente decoradas, algunhas obra do mestre Cerviño, pórtanse polo centro histórico de Cangas durante a procesión do Santo Encontro.
O Venres Santo é o día grande, pois nesta xornada ten lugar a procesión matutina coñecida como A Negación de San Pedro. A continuación, a do Santo Encontro simula o calvario de Cristo. Neste momento, as imaxes articuladas de San Xoán, a Verónica xunto coas Tres Marías e a Santísima Virxe dos Dolores sorprenden no casco vello para atoparse na praza da Constitución co paso do Nazareno, acompañado do Cirineo e de saións romanos. Pola tarde ten lugar a representación do descendemento, momento en que se descrava a imaxe articulada do Cristo e deposítase nunha urna de cristal aos pés da virxe dos Dolores. Emoción e realismo súmanse a unha escena que ten continuidade coas procesións do Santo Enterro e a do Silencio, ás doce da noite. As candeas como única iluminación, os tambores marcando o paso e os confrades distinguen este momento.
MEIS
En Paradela, Meis, ten lugar outra das celebracións máis coñecidas de toda Galicia. Aínda que non hai certeza sobre a súa orixe, si se sabe que procede do século xviii, cando se adquiriu unha talla de Xesús. Antes, as representacións tiñan lugar no interior de igrexa —mediante unha talla articulada coa que se escenificaba o desencravo—; hoxe, estes rituais saíron á rúa nunha tradición de grande arraigamento desde 1920. O realismo é o principal trazo desta tradición, na que se representan, en vivo e en directo, todas as pasaxes bíblicas da paixón de Cristo.
Na actualidade, a última cea ou a resurrección do Domingo de Pascua son algúns dos momentos escenificados neste evento peculiar. Outras escenas relevantes son a bendición do Domingo de Ramos, a representación do prendemento e xuízo do sanedrín o Xoves Santo, a escenificación das últimas horas da vida de Xesús co viacrucis, o desencravo e descendemento de Xesús ou a procesión do Santo Enterro o Venres Santo, e a bendición da auga e do lume.
PONTEVEDRA
A celebración ten a súa orixe no século xv. Na actualidade, asistir a esta liturxia significa vivir momentos tan singulares como a procesión coa imaxe de Xesús entrando en Xerusalén, a do Cristo das Caídas, a de Xesús Nazareno e María Santísima da Esperanza, a da Santísima Virxe da Soidade e Xesús, a dos Pasos, a do Encontro con viacrucis penitencial, a do Santo Enterro ou a do Encontro do Resucitado coa súa nai, a virxe María.
VIGO
O Domingo de Ramos ten lugar a procesión da Boriquiña. O Xoves Santo sae da igrexa do Sagrado Corazón a procesión da Paixón; no barrio de Teis escenifícase a do Noso Pai Xesús Nazareno e a Virxe dos Dolores; e en Bouzas, a procesión do Nazareno e a Virxe Dolorosa da Reconciliación. Na xornada do Venres Santo saen á rúa a procesión do Encontro, a da Virxe da Soidade e a do Santo Enterro.
BAIONA
O Xoves Santo ten lugar a procesión dos Pasos, con figuras viventes, e o Venres Santo escenifícase a do Santo Enterro ou procesión dos homes. A da Dolorosa ou das mulleres pecha os actos no municipio.
A GUARDA
Ofícianse a misa in coena domini, a eucaristía predicada e a procesión dos Pasos. A adoración da cruz ten lugar o Venres Santo, coa procesión do Encontro, o sermón das sete palabras e a procesión do Santo Enterro. O Sábado Santo, a procesión da Soidade de María con viacrucis, a vixilia pascual e a misa solemne de gloria pechan esta tradición.