A Arribada
Viaxe á época do descubrimento
Baiona festexa a chegada da carabela Pinta coas noticias sobre o Novo Mundo
O pobo de Baiona foi o primeiro de Europa en ter noticia do descubrimento de América e máis de 500 anos despois conmemórao ao grande cunha festa multitudinaria declarada de interese turístico internacional. A primeira fin de semana de marzo, cabaleiros, zancudos, artesáns de todos os gremios, cíngaras que len as liñas das mans, mesoneiros e milleiros de personaxes vestidos de época trasladan a vila ata fai máis de 500 anos.
Toda Baiona mergúllase no Medievo durante os actos da Arribada e multitude de persoas chegan desde toda Galicia, numerosos lugares de España, Portugal e outros países. O Real Mercado Medieval supera xa os 400 postos e excede a superficie do conxunto histórico. A ocupación hoteleira durante a fin de semana alcanza o 100 %.
Xustas medievais
Os festexos arrincan con 12 disparos efectuados desde a fortaleza de Monterreal e co torneo de xustas, no que os cabaleiros se disputan o amor dunha moza de familia nobre. Existe ademais un campo de adestramento ao dispor dos cabaleiros e organízanse olimpíadas medievais. Outros dos espectáculos máis atractivos son as exhibicións de cetrería, competicións de esgrima e probas de tiro con arco; e o momento álxido prodúcese coa representación teatral da chegada da carabela Pinta á vila, no areal da Ribeira.
Nos postos artesanais do Real Mercado véndese cerámica, coiro, bixutería ou xoguetes, mentres que nos gastronómicos poden degustarse produtos como polbo, churrasco, empanada, doces, viños ou licores. Na alameda dos aprendices, ademais, desenvólvense obradoiros de ata dez especialidades: olería, tapices de época, arte de acuñar moedas, escritura medieval, coiro, repostería, bordado antigo, ourivaría, lacrado de cartas e gravado. Os pobos irmáns con Baiona teñen tamén presencia na feira, cunha parada formada por Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic e Vila do Bispo.
A finais do século XX conmemorouse o V Centenario do Descubrimento de América a través dos actos solemnes que tiveron lugar en Baiona; e, en 1993, o seu conxunto histórico foi declarado de interese histórico-artístico. A Arribada experimentou un enorme crecemento ata lograr en 2015 a declaración de interese turístico internacional.