Festa do Galo de Curral
O galo de curral, un manxar en Vila de Cruces
Hai unhas décadas, na Galicia rural, os galos criábanse en liberdade, o que lles confería unha carne de sabor único. Aínda que este sistema tradicional de cría foi desaparecendo co paso do tempo, en certas zonas logrouse conservar e recuperar. É o caso de Vila de Cruces, concello da provincia de Pontevedra onde o galo de curral é o protagonista dunha festa gastronómica declarada de Interese Turístico de Galicia, que chegou a súa trixésima edición en 2023.
As persoas que se dedican á cría do galo de curral de Vila de Cruces fixeron un gran esforzo por preservar este produto singular, que se presta a múltiples preparacións culinarias, está presente en restaurantes de prestixio en toda a península e mesmo chega a mesas doutros países.
Este manxar pódese degustar durante todo o ano nos menús dos establecementos locais, pero é na primavera cando Vila de Cruces celebra o seu gran día dedicado ao galo de curral. Durante a xornada celébranse diversas actividades, entre as que destacan a exposición e exaltación dos pratos elaborados con este ave, de carne magra, cor intensa e sabor inconfundible.
A festa complétase cunha ampla programación musical, con actuacións ao longo do día, entre elas o Festival de Bandas Galegas, que leva os mesmos anos de historia que a festa gastronómica e reúne a algúns dos colectivos musicais máis prestixiosos de Galicia. Outro dos momentos destacados é a lectura do pregón, que congrega a milleiros de visitantes no corazón do concello.
Paisaxe e tradición
Ademais da súa rica gastronomía, Vila de Cruces ofrece espazos naturais de gran beleza como a área recreativa da Carixa, en Merza, ou as illas de Gres, así como museos únicos, como o Museo Neira Vilas ou o Museo da Minería, en Fontao.