Ir o contido principal
DESCUBRIR

Festas de San Telmo

Tui honra o patrón dos navegantes

Da opulencia á total humildade. Este foi o xiro que sufriu a vida de Pedro González Telmo, coñecido como san Telmo. O patrón de Tui, de gran devoción entre a xente do mar, nacera en Frómista, moi preto de Palencia, no seo dunha familia adiñeirada. Ordenouse sacerdote baixo a protección do seu tío, bispo, e acabaría ocupando os cargos de cóengo e deán.

Na actualidade, o segundo luns despois do Domingo de Pascua, Tui celebra as súas festas en honra a san Telmo, quen, durante unha cabalgata do Nadal, viu como o seu cabalo escorregaba e el acababa no lodo. Dise que ese instante supuxo un antes e un despois na súa vida e fixo que se convertese nun frade humilde. Nesta festividade conmemórase o día en que pereceu en Tui no seu camiño cara a Santiago de Compostela. Atribúenselle moitos milagres, polos que foi beatificado en 1254. O seu culto confirmouse en 1741 e foi entón designado patrón dos mariñeiros.

San Telmo

Tui San Telmo

 

As orixes desta festa, segundo consta no arquivo do bispado, hai que buscalos en 1578, aínda que sería no século xviii cando comezaría a afluencia de fieis ao evento e aos seus actos relixiosos. Coa chegada do século xx introduciríanse outros atractivos como desfiles, concertos ou fogos de artificio.

A tradición segue viva. A maior parte dos actos eclesiásticos teñen lugar na catedral de Santa María, onde repousan os restos do santo. Durante varias xornadas, Tui convértese así nun centro relixioso, cultural e lúdico, posto que o programa festivo incorpora actividades de moi diversa tipoloxía. Algúns dos momentos máis esperados son a procesión da Coronilla —que percorre o conxunto histórico— e a que se fai en honra a san Telmo, con numerosas imaxes. Unha ofrenda floral pecha este ritual.

Pola súa banda, o percorrido de xigantes e cabezudos é outro dos momentos con máis tradición destas festas. De todos os protagonistas, a raíña e o rei son os máis destacados, tanto pola súa lonxevidade como pola súa altura e peso: caracterízanos máis de cinco décadas, uns catro metros e 60 quilos. Outros actos do cartel destas tradicionais festas son a Semana do Teatro Afeccionado, a Feira do Cabalo ou a Festa da Angula (do meixón).

Camiño de Santiago e igrexa

Desde Portugal e na Ruta Xacobea cara a Santiago de Compostela, Tui supón a porta de entrada a Galicia. A catedral de Santa María é unha das principais xoias do patrimonio galego e, nela, destaca o pórtico como a primeira obra gótica da península ibérica e a única do seu estilo que se conserva en toda a comunidade autónoma. No seu interior atópase ademais a capela de San Telmo. A igrexa de San Telmo, de estilo barroco e deseñada polo frade Mateo de Jesús María, foi construída no lugar onde faleceu o santo que lle dá nome.

Tui Fiesta
Desplegable