Ir o contido principal
DESCUBRIR

Feira do Requeixo e do Mel

Unha sobremesa de lenda nas Neves

A tradición do requeixo das Neves remóntase ao Medievo. As veciñas e veciños, segundo os primeiros testemuños escritos do século xii, agasallaban con este delicioso produto as peregrinas e peregrinos de ruta entre Portugal e A Franqueira, hoxe coñecida como Sendeiro dos Frades. En 2013, o concello logrou que a feira desta sobremesa aderezada co mel do Condado fose declarada festa de interese turístico de Galicia. O Venres Santo danse cita máis de 12 mil persoas para degustalo.

A combinación de requeixo e mel deu lugar a unha exquisita sobremesa de calidade suprema que fai que acudan a probalo milleiros de comensais, a maioría procedentes de Galicia e do norte de Portugal, na festa que se celebra cada ano nas Neves desde 1991. Xa pola mañá sérvese este manxar, xunto con outros produtos artesanais, na praza central desta poboación, e tanto os locais de hostalería como as tendas de alimentación súmanse ao evento, no que non faltan as actuacións musicais.

 


Requeson con miel

 

Fabricación artesanal

Hoxe, a sociedade cooperativa envasa 16 toneladas de requeixo (e dez de mel), que se prepara só con leite de vaca producida en Galicia e fermentos lácticos sen conservantes nin estabilizantes.


 

A degustación arrinca ao mediodía e o requeixo sérvese en cazolas de barro conmemorativas. As  persoas asistentes acompañan o produto con viños das Neves, a elixir entre brancos (albariños e Condado de Tea) e tintos (Rubiós). A comarca do Condado ofrece unhas condicións excelentes, con terrazas solleiras e a cuberto do vento do norte, para o cultivo de albariño, loureiro, treixadura, caíño, espadeiro e retinto.

A Feira do Requeixo e do Mel comezou a súa andaina fai 26 anos, coa colaboración entre o concello e a Asociación de Mulleres Rurais. Esta alianza continuaría ata 2002, ano no que tomou a substitución a Sociedade Cooperativa Agraria Condado-Paradanta, nacida en 1996 precisamente por mor deste evento. O mel foi incluído na festa de exaltación, organizada agora polo Concello das Neves, como o complemento ideal para o requeixo.

Fiesta de Requeson y Miel

O requeixo elaborábase no pasado de forma artesanal nas casas das veciñas e veciños das parroquias montañosas das Neves: Cerdeira, Batalláns e San Xosé de Ribarteme, onde había extensos pasteiros que servían como alimento para o gando. O leite cru de vaca e de cabra colocábase nunha pota próxima á lareira. Cando morneaba, esparexíase callo natural e removíase o leite para despois deixalo repousar un día. Unha vez callado, introducíase en sacos de liño para quitarlle o soro, e a continuación baleirábase o saco e amasábase para darlle un aspecto homoxéneo e cremoso. Tras partilo, envolvíase en follas de verdura.

No século xii xa hai testemuños da elaboración do requeixo e, co tempo, o produto comercializouse primeiro como moeda de cambio e despois con retribución económica.

O mel, pola súa banda, é abundante nas comarcas do Condado e da Paradanta, onde hai unha gran variedade de plantas melíferas como o breixo, o eucalipto, a silva e o castiñeiro. As abellas extraen delas o néctar co que elaboran o mel. No pasado, construíanse as colmeas a partir das sobreiras da zona. A modernización permitiu aumentar a produción e iniciar a comercialización deste excelente produto.

A maridaxe entre o requeixo e o mel deulle lugar a unha sobremesa de lenda. O Venres Santo é a data ideal para probalo nas Neves.

 

Desplegable