Festa da Lamprea
Lamprea: exquisito vampiro da auga
Un peixe ancestral e saboroso en grandes ríos da provincia de Pontevedra
Un dos peixes máis primitivos da terra suca as augas do río Miño desde o océano para desovar e morrer. O seu corpo xelatinoso e a súa peculiar boca circular en forma de ventosa poderían levar a engano sobre o seu sabor, pero a lamprea é un prezado manxar ao que lle rende homenaxe Arbo, a finais do mes de abril, desde 1961. A festa foi declarada de interese turístico internacional en 2023.
Miles de lendas circulan sobre esta reliquia gastronómica que xa existía hai 500 millóns de anos. Nace no río, migra ao mar —onde habita a grandes profundidades— e remonta o curso fluvial ao final da súa vida. O Miño, nos 30 quilómetros entre Crecente e Salvaterra de Miño, está balizado por ata 400 pesqueiras, antigos muros de pedras cos que as e os pescadores capturan este vampiro da auga sen mandíbulas que se alimenta do sangue doutros peixes a través da súa boca de ventosa.
A receita clásica é a lamprea á arbense, cociñada en cazola de barro guisada no seu propio sangue con arroz branco e pan tostado
Arbo recibe decenas de milleiros de comensais a finais de abril para exaltar este peixe tan pouco agraciado como exquisito. Os exemplares péscanse de forma artesanal; un distintivo permite coñecer a data da captura e o nome da ou do pescador. Nos últimos anos recuperáronse as receitas tradicionais. A principal forma de cociñala é á arbense —en cazola de barro guisada no seu propio sangue con arroz branco e pan tostado—, pero hai moitas máis: seca, rechea, á brasa, con tirabeques, en empanada, con arroz, con ensalada rusa...
O escritor Álvaro Cunqueiro, unha autoridade na gastronomía galega, mostra na súa obra Viajes y yantares por Galicia. Obra periodística olvidada en «Vida Gallega» un auténtico tratado sobre a lamprea con todas as formas de preparación posibles. O intelectual mindoniense sostiña que unha das imaxes do Pórtico da Gloria degusta empanada deste saboroso peixe.