Comunidade sefardí en Rías Baixas
No medievo, os xudeus asentáronse en varios puntos da comunidade galega. Tui foi unha das xuderías máis importantes, e tamén deixaron pegada en Baiona e Salvaterra
Tui é sueva e visigoda, é xudía e cristiá, é medieval e o seu impresionante conxunto histórico-artístico está declarado ben de interese cultural. Foi o nexo de unión entre Galicia e Portugal, e tivo o privilexio de ser unha das sete provincias do Reino de Galicia. A súa apaixonante historia complétase cunha importante presenza xudía no municipio durante o medievo.
Tui contaba tamén cunha sinagoga, situada a pé da Porta da Pía, á entrada da cidade.
A documentación existente apunta a que o grupo decidiu establecerse no casco antigo, dentro da muralla e baixo a protección do bispado. Tamén fai referencia á existencia dunha sinagoga, dun cemiterio e de vivendas habitadas por membros da comunidade.
Desta época, Tui conserva un importante patrimonio, inmobles como a Casa de Salomón e o patio da sinagoga, e obxectos históricos como os sambenitos, documentos da Inquisición que recollen 14 penas impostas á poboación de Tui e de Baiona e que se consideran pezas únicas en Europa.
As pezas de prata que se conservan no Museo Catedralicio Diocesano de Tui foron realizadas por artesáns prateiros como Abrahán, Jacob ou Pero Amin, entre outros. Tamén son importantes as obras realizadas polos canteiros que, durante xeracións, utilizaron os seus propios signos lapidarios, entre os que destaca a menorá do claustro gótico, que indica a integración da comunidade xudía na vila cristiá.
Unha ruta sinalizada
A forma máis sinxela de descubrir o patrimonio de Tui vinculado á comunidade xudía é seguir a ruta xudía sinalizada no centro histórico. O percorrido parte desde a praza da Inmaculada e, a través dos códigos QR dispoñibles en cada sinal, pódese ampliar a información sobre cada elemento. Existe un folleto informativo sobre este percorrido editado polo concello. Tui forma parte da ducia de cidades españolas que participa nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que se celebran simultaneamente en varios países comunitarios.
Tui contaba tamén cunha sinagoga, situada ao pé da Porta da Pía, á entrada da cidade. A palabra «pía» está relacionada co baño ritual xudaico ou micvé, que se atopaba no patio da sinagoga, na rúa Ordóñez. Nas inmediacións, preto da catedral e do convento das clarisas, está a antiga igrexa de Santa María de Oliveira. Era a zona máis próxima á muralla, onde se atopaban as vivendas xudías do século xv.
No cemiterio, situado nos arredores da cidade, posiblemente no arrabalde de Riomuiños, os enterramentos celebrábanse con todos os ritos particulares da relixión. Buscábanse lugares elevados e próximos a un río ou arroio, e Tui cumpría con todos os requisitos. A partir de 1492, os Reis Católicos ordenaron expulsar aos xudeus do reino.
Non o podes perder...
- Museo Catedral
- Sinagoga
- Casa de Salomón
- A Menorá da Catedral