Cabecera experiencia

Arte urbana en Vigo: a ruta dos murais

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur

Máis de sesenta grandes "frescos" adornan medianeiras de edificios e outros espazos públicos por todo Vigo. A cidade olívica segue o ronsel de grandes urbes como Lisboa, Lyon ou Barcelona, cunha longa tradición de arte urbana na rúa, e exhibe xa o seu propio museo ao aire libre.


Todo empezou na rúa do Príncipe, milla de ouro comercial de Vigo. Alí plasmou o Concello en 2014 a primeira iniciativa para decorar medianeiras de edificios con grandes murais, mellorando a estética urbana e promovendo ao mesmo tempo as expresións artísticas en gran formato. O artista vasco Luis Olaso encargouse de reproducir Fiestra, un óleo de Urbano Lugrís, de 14×18 metros coa técnica do graffiti.

Poucos meses despois arrincaría a primeira das convocatorias do programa municipal de arte en medianeiras e espazos públicos Vigo Cidade de Cor, que na actualidade conta con máis de sesenta murais. Cada verán desde 2015 artistas urbanos pintan paredes e muros da cidade, case sempre en gran formato. Neste programa participan artistas galegas e galegos, nacionais e de proxección internacional .

Centro, barrios periurbanos, rural… Os murais están repartidos por diferentes recunchos de Vigo: de Teis a Bouzas e do Areal a Lavadores. A lista de artistas que se seleccionaron é moi ampla e as técnicas utilizadas para crear os murais son diversas, do mesmo xeito que as temáticas: desde o mar ata Xulio Verne, pasando por escenas históricas, a natureza, as mulleres ou a poesía e a música , entre moitas outras. A ruta, ademais de ter unha grande acollida en Vigo, xa é todo un atractivo turístico.

Este amplo museo ao aire libre de street art é inabarcable nunha soa xornada. O ideal é gozar dos murais a partir de catro itinerarios.

Zona 1: Vigo centro

No centro da cidade olívica atopamos a maior concentración de “frescos”, cun total de 27. As rúas, prazas e parques inúndanse de cores e mesmo nalgúns casos vólvense tan reais que podemos sentar neles, como é o caso do mural do artista Antón Pulido, na praza de Peniche, onde se atopan as rúas Pi i Margall, Tomás Alonso e López Mora, cunhas letras que serven de bancos.

O mar é un dos principais homenaxeados nestas creacións cheas de cor. Ramón Trigo, Frederico Draw, Fernández e González, Sagüillo, María José Pulido, No3l ou El Pelucas son algunhas das e dos artistas que renden tributo a este medio de vida, tan importante para esta cidade das Rías Baixas, con paisaxes marítimas, criaturas mariñas e outros elementos como buques e barcos.

Elisa González, Xavier Magalhães, Nelson Villalobos ou Nana , entre outras e outros, vólvense máis humanos representando nas súas creacións mulleres, nenos, unha moza que oculta o seu rostro, ou mesmo mesturando formas con figuras humanas. Outros artistas representan diversos personaxes literarios coma un guerreiro obra de Pedro Sardiña; ou históricos, coma o trobador Martín Códax, este último recreado por Ash.

A natureza é outra das temáticas reflectidas nas composicións de artistas como Doa Ocampo, María Romero ou Cestola na Cachola, o mural destas últimas en forma de protesta. Formas máis abstractas enchen de cores vivas esta zona, como o lenzo de Berta Cáccamo ou as caveiras e o anfibio de Louis Lambert e Darío Basso, respectivamente.

Arte urbano en VigoAntón Pulido
Arte urbano en VigoFrederico Draw

Zona 2: Navia, Coia, Bouzas e Alcabre

A cor dos murais esténdese tamén cara a outras zonas como Navia, Coia, Bouzas e Alcabre, unha área onde atopamos unha vintena de composicións cunha clara influencia do mar. Alejandro Fernández, Gonzalo Alonso e Antonio Barbará (Pow) fano en forma de dobre homenaxe nunha obra colectiva que lle rende tributo tamén a Xulio Verne. Á temática mariña súmanse artistas como Delio Rodríguez, Elara Elvira ou Ana Santiso. A composición do equipo Expostas está formada por mulleres que representan a industria do mar.

Xogan co branco e negro artistas como Peri e Lula Goce, mentres que o vermello cobra protagonismo nos murais de Iria Blanco coa súa orixinal furgoneta e a súa particular homenaxe á música, e no corazón palpitante de Pilar Alonso. A fauna invade tamén esta zona con algunhas composicións como as de Pinche e Graziela Gonçalvez co seu Animalito Land.

Mona Caron, Liqen e Lidia Cao fan unha particular e persoal chiscadela á natureza, que no caso do mural de Mingos Teixeira se converte nunha paisaxe ao atardecer. As técnicas máis vangardistas, como a que utiliza Popay na súa composición, conviven con outras máis tradicionais coma as formas ilustradas de Nano4814 ou as populares cuncas de Mon Devane.

Arte urbano en VigoExpostas
Arte urbano en VigoLula Goce

Zona 3: Castrelos, Freixeiro e Valadares

Os cinco murais que atopamos nesta zona van desde formas máis tradicionais, coma as figuras de madeira de Liqen, ou a historia de Vigo cunha imaxe antiga da cidade, de Pow; ata outras máis innovadoras e abstractas como a composición de Hazul.

A natureza invade tamén esta zona coa creación de Iria Fafián, chea de cor e cunha clara aposta polos contrastes, e os flamengos rosas de Antonyo Marest, que se asentan nun mural a toda cor en Castrelos.

Arte urbano en VigoIria Fafián
Arte urbano en VigoLiqen

Zona 4: Lavadores e Teis

Finalmente podemos atopar oito murais na zona de Lavadores e Teis para completar o itinerario deste museo ao aire libre de street art que alberga a cidade de Vigo. As formas humanas máis coloristas veñen da man de Nelson Villalobos. Nas composicións de Alejandro Fernández e Mr. Kern os personaxes dunha muller e un mozo mestúranse con paisaxes mariñas. A fauna, en menor medida, chega da man do guepardo de Susie Hammer.

Arte urbano en VigoBelin
Arte urbano en VigoSusie Hammer

Os murais de Antony e Belin mostran composicións máis estruturadas, no primeiro caso formada por triángulos e, no segundo, en forma de tributo a Salvador Dalí, cun enfoque hiperrealista e cubista. Completan este percorrido as obras de Teresa Irisarri e o colectivo Boa Mistura, que veñen en forma de mensaxe.

Aquí podedes atopar a lista cos murais e a súa localización, delimitados por estas catro zonas.

Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos