Cabecera experiencia

Belén de Valga: tradición e creatividade en movemento

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Inverno Inverno
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte

As veciñas e veciños da localidade traballan durante tres meses na preparación do nacemento artesanal, o maior das súas características en Galicia con 4.000 figuras talladas á man. A orixinal composición combina escenas do Nadal con personaxes e feitos de actualidade


A localidade á beira do río Ulla presume de exhibir o maior nacemento artesanal de Galicia con figuras en movemento. O seu tamaño e as súas escenas animadas non son a súa única particularidade, xa que se trata dunha composición que combina os personaxes tradicionais do belén con figuras da actualidade.

Belén de Valga
Belén de Valga

Este ano o independentismo catalán goza dun protagonismo destacado na representación, en consonancia coa axitación mediática que xerou. Tamén teñen cabida personaxes da farándula, coma Bisbal e Chenoa, e escenas reivindicativas que pretenden chamar a atención sobre problemas sociais coma a violencia de xénero e os malos tratos.

A veciñanza traballou duro durante varios meses para telo todo a punto para a apertura ao público da espectacular, orixinal e creativa composición do Nadal, declarada de Interese Turístico pola Xunta de Galicia e visitada por miles de persoas cada ano.

O belén, exposto na parroquia de Campaña e con 21 anos de historia ás súas costas, compóñeno preto de 4.000 figuras, todas talladas á man, das que medio milleiro está en continuo movemento. A asociación cultural Amigos do Belén de Valga encárgase de preparalo e montalo, coa colaboración do Concello. O nacemento crece en cada edición ao combinar os clásicos elementos bíblicos con referencias a temas de actualidade de interese local, nacional ou mundial.

Escenas tradicionais como a matanza do porco ou a colleita da uva comparten espazo con personaxes ilustres de Galicia como Rosalía de Castro, Castelao ou Camilo José Cela. Por suposto, as celebridades históricas de Valga tamén están representadas, como A Bela Otero e Jesús Ferro Couselo. Seguindo sempre o fío da actualidade, as veciñas e veciños foron incorporando xogadores da selección española de fútbol, autoridades políticas ou ciclistas da Volta a España, que pasou polo municipio nalgunha ocasión.

Belén de Valga
Belén de Valga

Os creadores da montaxe utilizan distintos materiais para confeccionar as figuras e os decorados, desde pasta de modelar e escaiola, ata arame, madeira e pedra. Para poñer os personaxes en movemento utilízanse motores usados de artigos como limpaparabrisas ou cepillos de dentes eléctricos.

Luz e efectos meteorolóxicos

E aínda que o belén é cen por cento artesanal, non falta a tecnoloxía. A máis rudimentaria serve para poñer en movemento as figuras e outra máis avanzada utilízase para conseguir efectos de luz e de son. Con medios informáticos e unha coidada programación simúlanse as distintas fases do día e fenómenos meteorolóxicos como nevadas e tormentas. As personaxes están en continuo movemento e as xornadas transcorren desde a alba ata o anoitecer.

A páxina de Facebook do belén dá fe da admiración que esperta o nacemento. Os seus seguidores destacan a espectacularidade e orixinalidade da composición e animan a veciñanza a ampliala cada ano. O seu tamaño é impresionante e a organización suma e segue. No calendario do Nadal o belén de Valga é unha visita imprescindible.

Horario de visita

O Belén de Valga está exposto ao público desde o 2 de decembro ata o 13 de xaneiro. O seu horario é: de luns a venres, de 17.30 a 20.30 h; os sábados, de 17 a 20.30 h; e os domingos e festivos, de 12 a 14 h e de 17 a 20.30 h.

Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas a través do número de teléfono 630 95 25 15

Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Inverno Inverno
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte