Cabecera experiencia

Festa da Coca: Redondela celebra a súa vitoria sobre o dragón

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Primavera Primavera
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur

Culto relixioso, ritos pagáns e coloristas alfombras florais únense na celebración do Corpus Christi de Redondela. A festa conta cunha peculiaridade case única: a presenza dun dragón, a coca, que, segundo a lenda, raptaba as mozas virxes para devoralas. Procesións, espectáculos, concertos, exposicións e obradoiros combínanse neste evento multitudinario, declarado de Interese Turístico de Galicia


Os mozos mariñeiros de Redondela someteron o monstro e celébrano cada ano cunha vistosa Danza das Espadas. Xunto a eles bailan as penlas, nenas vestidas de branco con pequenas ás que representan as virxes, aos ombreiros das burras, mulleres que simbolizan as nais. A procesión da Virxe da Gabacha, as alfombras e a escenificación da morte da coca atraen miles de persoas a Redondela para asistir e participar nunha festa que se prolonga desde a noite anterior ao xoves de Corpus –este ano o 15 de xuño– ata o domingo.

O dragón, que no medievo simbolizaba o mal, moraba preto de Redondela, segundo a lenda, concretamente nos mares que rodean a illa de San Simón. De cando en vez achegábase á localidade esnaquizando todo ao seu paso e levando as mozas. Na festa a besta desfila pola vila o xoves de Corpus fuxindo da Virxe da Gabacha que marcha en procesión, baixo unha choiva de pétalos, polas rúas cubertas de alfombras florais.

A Virxe, cuxa imaxe é trasladada ao comezo da festa desde a igrexa de Vilavella ata a de Santiago escoltada polos danzantes, converteuse na gran protectora das veciñas e veciños ante os ataques do dragón. Durante os festexos, á morte da coca séguelle o momento da Danza das Espadas, na que participa unha vintena de homes –o mestre, catro abaelas ou rabelos, catro guías ou primeiros, e unha ducia de danzantes ou espadas–, acompañados polas penlas. O conxunto coreográfico baila ao son da gaita e o tamboril na praza da Casa da Torre. Xigantes e cabezudos participan tamén nos desfiles.

Os inicios da festa remóntanse a 1482, cando se declarou día santo o xoves de Corpus Christi en todo o Bispado de Tui. O Concello de Redondela e os gremios achegaban imaxes á procesión, pero tamén danzas e outras representacións. A que perviviría no tempo sería a loita de san Xurxo co dragón, a coca. En Monçao, ao outro lado do río Miño, tamén se celebra, coa particularidade de que na localidade portuguesa se mantén a figura de san Xurxo, que se enfronta e vence o monstro. As primeiras noticias sobre a Danza das Espadas de Redondela datan do século XVI.

A imaxe da Virxe regresa en procesión a Vilavella o venres tras os actos do día grande. O sábado lévase a cabo nesta igrexa a ofrenda de flores, e o domingo sae a procesión do Corpus polo barrio, onde volve realizarse a Danza das Espadas e as Penlas.

Existen varias teorías sobre a procedencia do nome da coca. Algúns historiadores sitúana no termo latino cocatrix, que significa crocodilo. Documentos do século XV así o testemuñan, aínda que noutros anteriores se denomina coqueriz. Tamén existe a opinión de que a coca ten a súa orixe no coco ou monstro infantil, e outros estudosos relacionan a besta co xigante tricéfalo Caco, fillo de Vulcano.

Só a cabeza da recreación da coca que desfila polas rúas de Redondela se conserva tal e como aparecía nas fotografías dos anos 20. A figura da criatura foi sometida a varias restauracións e melloras ao longo da súa existencia. Respecto das alfombras, desde o século XVI tense constancia da imposición da autoridade de alfombrar as rúas ao paso da procesión, aínda que das florais, tan propias do Corpus actual, só hai noticia a partir de 1950, nun principio compostas por espadanas e flores esparexidas polas rúas, con deseño artístico desde 1965.

Reza o dito que hai tres xoves ao ano que relocen máis que o sol: Xoves Santo, Corpus Christi e o Día da Ascensión. En Redondela o segundo non se entende sen a Festa da Coca. 

Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Primavera Primavera
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos