Cabecera experiencia

A Ruta dos Fenicios nas Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte Icono Costa Sur Costa Sur

Os fenicios, histórico pobo de grandes mercadores, abriron grandes rutas marítimas de intercambio comercial e cultural no mar Mediterráneo hai máis de tres mil anos. A súa inquietude levounos a ampliar fronteiras e estableceron lazos con distintos pobos do Atlántico. Así, no século VIII a. C. comezaron os contactos co noroeste peninsular. Os numerosos achados encontrados nos xacementos arqueolóxicos das Rías Baixas testemuñan o vínculo e deixan patente que esta terra era un dos eixes da ruta atlántica dos fenicios.


O FachoMonte do Facho (Cangas)

A Ruta dos Fenicios consolidouse como unha das principais vías náuticas utilizadas por esta civilización para o comercio e o intercambio cultural no Mediterráneo desde o século XII a. C. A orixe destas travesías contribuíu á creación dunha comunidade cultural mediterránea entre os fenicios e outras grandes civilizacións da zona que recibe o nome de “koiné”. Este comercio marítimo deu lugar a un intenso intercambio, non só de materiais e produtos, senón de persoas e mesmo ideas.

Escavacións realizadas desde o século XX, e sobre todo na última década, nalgúns xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra coma o castro de punta do Muíño do Vento (Vigo), o monte do Castro (Ribadumia), A Lanzada (Sanxenxo), o monte do Facho (Cangas) e o castro de Alobre (Vilagarcía de Arousa ) documentan a pegada que deixou o mundo fenicio-púnico no noroeste peninsular desde, polo menos, o século VIII a. C. Hoxe, en pleno proceso de recuperación xunto con outros 15 asentamentos, son lugares ideais para unha experiencia turística que transporta as e os visitantes a aqueles tempos de troco e intercambio cultural nun contorno natural de ilusión.

Estes mercadores procedentes do sur da península ou do norte de África realizaban a ruta tamén ata As Rías Baixas por ser este un territorio rico en metais coma o estaño, que os fenicios empregaban para a fabricación de bronce. Ademais, a riqueza e a abundancia de recursos naturais, especialmente marítimos e difíciles de atopar noutros territorios, sumaban atractivo a esta vía atlántica que recibe o nome de Ruta das Kassitérides.

Asentamiento en A LanzadaAsentamento na Lanzada (Sanxenxo)

A hipótese máis aceptada é que esta antiga civilización viaxaba cara ás famosas Illas do Estaño ou Kassitérides que se corresponderían co arquipélago de Scilly no Reino Unido, pero existen outras teorías que contemplan a posibilidade de que fora na costa galega onde realmente rematasen a súa singradura. No século XVIII José Cornide, en referencia a un escrito sobre Estrabón, defende que estas illas pertenceron a España e estaban situadas ou ben en fronte das costas galegas (e se atoparían cubertas polo mar na actualidade) ou ben serían as mesmas rías e as illas próximas.

O comercio entre os fenicios e este territorio do noroeste da península ibérica intensifícase tras a I Guerra Púnica (264-241 a. C.). A perda dalgúns territorios do Mediterráneo e a irrupción de Roma como nova potencia obrigou os mercadores a buscar outros destinos nos que poder abastecerse de materias primas a cambio dos seus produtos. Nesa procura será cando se establezan as rutas comerciais que traerán ao noroeste un abundante número de materiais e obxectos de procedencia mediterránea.

A Ruta dos Fenicios desembarca en Pontevedra

A Ruta dos Fenicios é un dos itinerarios culturais internacionais recoñecidos polo Consello de Europa, que pasa por 80 cidades e 18 países de tres continentes nos que se atopan xacementos e restos arqueolóxicos fenicios e púnicos.

Pontevedra é a primeira provincia española que, sen estar bañada polo Mediterráneo, forma parte desta ruta. Este destino, seleccionado para liderar a promoción e difusión na fachada atlántica peninsular, forma parte dunha rede nacional integrada por outras cidades como Cádiz, Cartaxena, Eivissa, Palma de Mallorca, así como a Deputación de Xaén ou a Universidade de Xaén e Santo Tomé, entre outras.

Desde o día 22 de novembro a entrada do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra albergará unha exposición con imaxes e paneis informativos sobre algúns dos xacementos arqueolóxicos de España que forman parte da Rede Estatal da Ruta dos Fenicios.

Os xacementos nas Rías Baixas

A Lanzada (Sanxenxo)

O asentamento de Sanxenxo, nun contorno privilexiado xunta o mar, foi habitado en diversas épocas da antigüidade. Xunto cos restos do poboado galaico (séculos V-II a. C.) destacan a factoría de salgaduras, a necrópole, a pequena igrexa e a fortaleza medieval.

O xacemento do poboado da Idade do Ferro constatou un modelo de explotación do mar, unha factoría de salgadura fenicio-púnica ligada aos comerciantes do Mediterráneo, posiblemente a primeira fábrica de salgadura ou conservas donoroeste peninsular claramente vinculada ao mundo púnico.

Monte do Facho (Cangas)

Este xacemento , con fermosas vistas ás illas Cíes, A Illa de Ons, e a Costa da Vela, é un lugar coñecido internacionalmente por albergar un santuario con altares daépoca romana no que se documentaron máis de cen aras. Neste emprazamento, privilexiado por estar na costa, o que favoreceu probablemente as relacións cos fenicios, e pola súa altura , a 184 metros sobre o nivel do mar, atopáronse outros elementos como cerámicas de procedencia mediterránea.

Asentamiento A LanzadaAsentamento na Lanzada (Sanxenxo)
O FachoMonte do Facho (Cangas)

Castro de Alobre (Vilagarcía de Arousa)

As escavacións arqueolóxicas neste castro , localizado en pleno centro histórico na actualidade, evidenciaron a súa gran riqueza, xa que presenta varios niveis de ocupación na fase final da Idade do Ferro, no século I a. C. Ademais, a súa posición estratéxica tanto na ría de Arousa como na desembocadura do río Ulla outorgoulle acceso aos circuítos comerciais dos mercadores fenicios.

Castro de AlobreCastro de Alobre (Vilagarcía de Arousa)

Os materiais documentados nos achados evidencian a súa relación co mundo mediterráneo e, en especial, co sur da península ibérica, a península itálica e as illas Baleares. Púidose identificar unha gran cantidade de materiais de importación púnicos (desde o século VIII a. C.) e tardopúnicos. Os restos metálicos, principalmente de bronce, son especialmente relevantes, con máis de 400 exemplares.

Castro de Punta do Muíño do Vento (Vigo)

Este castro é un dos asentamentos máis antigos de Vigo. Localízase nun pequeno cabo coñecido como Punta do Muíño do Vento, pola posible existencia alí dun vello muíño, seguramente reutilizando as antigas estruturas. Neste lugar, a beiras da ría de Vigo, podemos atopar actualmente o Museo do Mar de Galicia.

Está comprobado que neste privilexiado emprazamento existiu unha relación comercial cos púnicos, xa que alberga unha serie de elementos cultuais ademais dun altar de planta cuadrangular de orixe púnico como símbolo de unión entre o Mediterráneo e o Atlántico.

Monte do Castro (Ribadumia)

O xacemento arqueolóxico do monte do Castro, en Ribadumia, trátase dun poboado fortificado da Idade do Ferro a 110 metros de altura. Polos seus restos documentados dise que puido estar habitado durante os séculos IV a. C e I d. C. Durante as escavacións realizadas no 2011 descubríronse trece cabanas, unha enorme casa-patio e unha muralla, ademais de milesde pezas, entre as que se atopan cerámicas dos séculos V ata o I a. C., procedentes do norte de África ou do contorno de Gádir, así como un fragmento dun aríbalo de Rodas .

Castro de Punta do Muíño do Vento (Vigo)Castro de Punta do Muíño do Vento (Vigo)
Monte do Castro (Ribadumia)Monte do Castro (Ribadumia)
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte    Icono Costa Sur Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos