Cabecera experiencia

A sidra, o ouro líquido que florece na Estrada

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Primavera Primavera
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte

A antiga industria da sidra tradicional rexurdiu con forza na Estrada, onde a súa produción se remonta á Idade do Ferro. Xa ben entrada a primavera florecen as maceiras, e na comarca de Tabeirós -Terra de Montes é posible atopar ata medio centenar de variedades autóctonas desta saborosa froita. Rabiosa, raída, marafouza, freixerana… fermosos nomes autóctonos para a materia prima do ouro líquido desta terra. Unhas variedades que evocan o aroma dunha tradición milenaria.

Xa son máis de cen as hectáreas destinadas a plantación de maceiras para sidra tras un intenso labor dos produtores locais para revitalizar esta actividade tradicional entre os verdes vales e as sedosas ribeiras dos ríos Ulla, Umia e Liñares. Cada tempada recóllense máis de mil toneladas na Estrada e a maior parte véndeselles a sidrerías foráneas. Con todo, unha parte, ao redor de 50.000 quilos, destínase á elaboración de sidra na localidade.

A floración chega entre abril e maio, e é tamén por estas datas cando sae ao mercado a última colleita. Os espléndidos campos esténdense ante a vista e avivan os sentidos. En Galicia hai catalogadas máis de 200 variedades de mazá, das que unha cuarta parte se cultiva e emprega na Estrada para elaborar sidra. Tras a recollida e elaboración, o delicioso produto final combinará variedades doces, acedas e amargas. O seu sabor, segundo explican as e os expertos, é lixeiro, aromático e suave en acidez, con corpo. Un luxo para o padal que pode acompañarse dunha tapa de produtos típicos nos bares e restaurantes da vila.

Industria local emerxente

Un grupo de produtores de mazá e elaboradores fundou en 2011 a Asociación Maceira e Sidra para darlle o empuxón definitivo á produción de sidra tradicional. A pesar de que a fabricación entrou en declive hai máis de cen anos, en moitas casas consérvanse antigos lagares, e xa a finais do século pasado se emprendeu un proceso de recuperación de plantacións. A cooperativa Maceiras do Ulla-Ullama, fundada en 2002, agrupa a maioría dos produtores da zona. A mazá da Estrada é maioritariamente de produción ecolóxica, e conserva a esencia do pasado, a súa nobreza e autenticidade.

A Feira da Sidra, na que ademais da bebida local se serve produto doutros catro países, é xa unha cita obrigada no calendario festivo

O traballo deu os seus froitos e a industria sidreira local vive un verdadeiro renacemento. A Feira da Sidra naceu en 2012, e nela sérvese produto elaborado na Estrada, ademais de noutras zonas das Rías Baixas con tradición sidreira (coma Bembrive, en Vigo ) e noutras partes do Estado, Portugal, Francia, Inglaterra e Alemaña.

Ademais, Maceira e Sidra organiza xornadas de turismo sidreiro coa Universidade de Vigo, enmarcadas no Máster de Turismo de Interior. Restaurantes da Estrada incorporaron tamén menús sidreiros, un reflexo da revitalización desta industria. E é que o produto da mazá ten tamén un gran potencial gastronómico.

Outros atractivos da Estrada

A floración da mazá convida xa de seu a unha visita á Estrada na primavera, pero, ademais, o municipio conta con outros grandes atractivos. Imprescindible é unha visita ao pazo de Oca e aos seus xardíns, trazados no século XVIII e que reciben o nome de "Versalles galego". O recinto está integrado na Ruta da Camelia das Rías Baixas.

A natureza regala fermosas paisaxes na localidade de Tabeirós-Terra de Montes. As fervenzas do río Curantes, as Brañas de Xestoso e a Lagoa Sacra de Olives son algunhas paraxes que debemos incluír na axenda á hora de planificar a visita. Unha das mellores panorámicas atopámola no miradoiro de San Miguel de Castro, desde onde as vistas se estenden ata o mítico Pico Sacro e o río Ulla.

Para mergullarse nas tradicións da Estrada, nada mellor que presenciar a Rapa das Bestas, Festa de Interese Turístico Internacional, que se celebra no verán e atrae fotógrafas e fotógrafos de medio mundo para captar a épica pugna entre aloitadores e cabalos. E, para coroar a visita, a vila ofrece unha ampla oferta hostaleira na que non falta a sidra local.

Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Primavera Primavera
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte