Outubro nas Rías Baixas: gastronomía, etnografía e artes escénicas
O mes de outubro arrinca e finaliza con dúas citas imprescindibles para as e os amantes da gastronomía de Galicia. Do 5 ao 15 temos a 54.ª edición da Festa do Marisco do Grove, dez días de celebración que conceden ás mellores viandas da ría de Arousa todo o protagonismo: camaróns, nécoras, ostras, ameixas, berberechos, polbo, navallas, mexillóns, percebes... Para amenizar o banquete popular tamén hai programados concertos de grandes bandas internacionais e españolas, un simposio de escultura ao aire libre e showcookings, entre outras actividades. Cada ano acoden a esta festa unhas 200.000 persoas chegadas desde diversos puntos da xeografía galega, española e mesmo europea.
Como colofón, do 28 ao 30 de outubro ten lugar en Pontevedra a 2.ª edición do Etiqueta Negra, un salón gourmet de nova creación que pon no escaparate unha coidada selección dos mellores produtos da gastronomía galega, desde viños e licores ata conservas mariñas, queixos, tortas e doces. Tamén contará cun posto da Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra, no que se poderá degustar té galego procedente das camelias da provincia. Etiqueta Negra está dirixido tanto ao público profesional como ao xeneral e contará con catas, conferencias e presentacións de produtos.
Outra cita que apela ao padal, aínda que para un público moito máis específico, é Pontus Lupulus, a feira da cervexa artesá que se celebra do 6 ao 8 de outubro en Pontevedra. A praza de España encherase de casetas nas que se poderán degustar 40 variedades de cervexa artesá elaborada en Galicia.
Celebracións do campo
A chegada da estación outonal tráenos ás Rías Baixas algunhas celebracións tradicionais que, aínda que teñen un marcado carácter local, resultan de interese xeral desde un punto de vista etnográfico. É o caso da VI Festa da Colleita do Millo e Magosto Popular de Matamá, en Vigo. Celébrase o 7 de outubro e permite lembrar vellos labores do campo que están a piques de perderse, como o esfolle do millo. A xornada festiva inclúe degustación de castañas e música.
Unha actividade similar é a que impulsa a Festa da Colleita de Sela, no Concello de Arbo. Xurdiu a comezos dos anos setenta coa intención de agradecer a santa Isabel e san Martín os produtos da colleita do outono e atrae a numerosas veciñas e veciños dos municipios limítrofes. Unha das actividades máis esperadas e rechamantes é o desfile de tractores engalanados para a ocasión con mazarocas de millo, acios de uvas e mazás, entre outros froitos. Este ano celébrase os días 11 e 12 de outubro e haberá magosto, queimada e chocolatada.
Produtos do outono
O Concello de Mos organiza un ano máis as Xornadas Micolóxicas e Forestais, que xa van pola 14.ª edición. O acto central de degustación terá lugar o domingo 22 de outubro na contorna do pazo de Mos. Os restaurantes da localidade ofrecerán diversas receitas preparadas con cogomelos: croquetas, empanadas, salteados, salsas, guisos e doces, entre outros.
Tamén constitúe un produto de tempada o caracol, que nas Rías Baixas apenas conta con tradición gastronómica, a diferenza do que ocorre coas diferentes variedades de caracol de mar. Con todo, Galicia é a terceira comunidade en número de explotacións dedicadas á cría deste molusco e algunhas delas atópanse na provincia de Pontevedra. Isto explica a celebración en Cotobade da Festa Gastronómica do Caracol, que sumará a súa 8.ª edición o domingo 8 de outubro cunha degustación de diferentes receitas de este animal, incluída a empanada.
Teatro e poesía
Á parte de comida, a axenda de outubro tamén inclúe dous destacados eventos de artes escénicas. O Teatro Principal de Pontevedra ofrécenos durante todo o mes as mellores obras da escena teatral galega no ciclo Ponteatro. O Festival Kerouac de poesía e performance programará actividades poéticas en diferentes espazos de Vigo: música no MARCO, recitais no transbordador de Moaña, flashmobs na rúa Príncipe… Será do 18 ao 22 de outubro e contará con figuras internacionais da performance poética, como a canadense Sheri D. Wilson e a madrileña Marina Oroza.