Aproveita os últimos días da Festa do Marisco
Con 54 edicións, a Festa do Marisco, álzase non só como un dos eventos gastronómicos máis importantes de Galicia, senón como un referente estatal que forma parte dese pequeno grupo que goza da denominación de Festa de Interese Turístico Nacional.
Na edición actual manteñen o seu éxito coa afluencia de visitantes e o despache de racións. O sábado ao mediodía anunciaban que se venderon 7.000 racións, mentres o domingo pola tarde alcanzaban case a mesma cantidade.
Entre os actos máis destacados está a presenza de grandes músicos no cartel musical, coa actuación pendente dos internacionais Morcheeba entre outros. Tamén é de reseñar a presenza de grandes chefs como Rafa Centeno do restaurante Maruja Limón, un dos cinco restaurantes da provincia que goza dunha estrela Michelin.
Canto á programación para os días restantes é a seguinte. O venres 13 comeza o Mercadillo semanal en Confín a partir das 9:00 horas da mañá, no paseo de Beiramar . Ás 17:00 horas da tarde continuarán as actividades infantís na praza do Corgo. As actuacións da noite divídense entre o humor de David Amor e o concerto de La Habitación Roja e De La Fé. O primeiro celebrarase no Auditorio da Carpa Institucional e dentro dos Monólogos Mahou Cinco Estrellas ás 21:00 horas, mentres que os concertos desenvolveranse a partir das 23:30 da noite. Entre un e outro, haberá unha queimada na praza do Corgo a cargo de Cantodorxo .
O cartel musical convocou a artistas de primeira categoría como Morcheeba, Enemigos, Mikel Erentxun, El Langui, La Habitación Roja, De La Fé, De Vacas, Luna e Fuckaine
O sábado 14 continuarán as degustacións a partir das 11:00 horas da mañá e haberá unha regata de dornas "a remo" coñecida como Desafío Arousa. Despois do mediodía, haberá unha exhibición de ximnasia rítmica por parte do Club Biqueira ás 13:00 horas. Ás 17:30 será a quenda do Concurso de Pratos de Mexillón "Amegrove" na Carpa Institucional. A outra entrega de premios realizarase ás 20:00 horas, neste caso as "Centolas de Ouro 2017" e os premios da IV Bienal do Simposio de Escultura. Antes dos concertos haberá unha Mostra de Petiscos na mesma carpa ás 21:30, e xa ás 23:00 horas volverá novamente a música con Morcheeba e The pains of being pure of heart.
Finalmente, o domingo 15, as actuacións e celebracións cederán o paso á degustación gastronómica especialmente durante a mañá, onde as casetas abrirán a partir das 11:00 horas da mañá.
Aínda que este é o último día de celebración, o domingo seguinte, día 22, a Asociación de Mulleres Rurais Adro Vello realizarán a Palillada da Festa do Marisco no Pavillón de Deportes de Monte da Vila ás 10:30 horas da mañá.