Indicacións xeográficas de alimentos e viños
Tradición e calidade na mesa
Once produtos de excelencia con indicación xeográfica protexida
Dentro da rica e variada gastronomía da provincia de Pontevedra atoparás un abano de produtos con certificación que garante a súa procedencia e calidade. Tenreira, lacón, castañas, mel… Descobre os alimentos con indicación xeográfica protexida (IXP) e namórate aínda máis dos sabores das Rías Baixas.
Certifica os produtos obtidos de gando das razas rubia galega, morenas do noroeste, os cruces entre elas e determinados cruces destas con outras razas. A IXP ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente de animais nados, criados e sacrificados en Galicia.
Zona xeográfica
A súa zona de produción e matanza está limitada a todo o territorio galego. A cría de carne de vacún na provincia de Pontevedra realízase en Agolada.
Defínese como o brote das verduras da especie Brassica rapa L. var. rapa (comunmente coñecida como nabo), das variedades correspondentes aos ecotipos de Santiago de Compostela e Lugo. A denominación «grelos» fai referencia ás follas e talos recolleitos ao longo do período vexetativo da planta.
Zona xeográfica
A zona de produción, transformación e envasado comprende toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
As denominacións xeográficas Augardente de Herbas de Galicia, Licor Café de Galicia e Licor de Herbas de Galicia protexen as bebidas espirituosas tradicionais elaboradas a partir dos augardentes amparadas pola denominación xeográfica Orujo de Galicia.
Zona xeográfica
Ampara o augardente elaborado a partir de bagazos de viño recolleitos nos viñedos situados no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia.
En Pontevedra, elabórase augardente na subzona das Rías Baixas, que abarca os municipios de Cambados, Ribadumia, Meaño, Arbo, O Rosal, Ponteareas, Meis e Tomiño.
A indicación resérvase para os froitos obtidos a partir dos cultivos autóctonos galegos de castiñeiro europeo (Castanea sativa, Mill.) destinados ao consumo humano e comercializados en fresco ou conxelado. O seu sabor é doce e conta cunha textura firme non fariñenta. Unha vez colleitado, o froito terá entre un 50 e o 60 % de humidade.
Zona xeográfica
Na provincia de Pontevedra, as áreas de recollida son as rexións de Tabeirós-Terra de Montes e Deza e os concellos de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Campo Lameiro e Cuntis.
A IXP Lacón Galego, que se refire ás extremidades dianteiras do gando porcino unha vez curadas, protexe este produto tradicional.
Zona xeográfica
A zona de produción e a de elaboración comprenden toda a Comunidade Autónoma de Galicia. En Pontevedra, a zona de cría do porco esténdese pola comarca de Deza, en especial o municipio de Lalín.
Segundo a súa orixe botánica, clasifícase en: mel multifloral, mel monofloral de eucalipto, mel monofloral de castiñeiro, mel monofloral de silva e mel monofloral de breixo.
Zona xeográfica
A zona de produción, procesado e envasado dos meles amparados pola IXP Mel de Galicia abrangue todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Os municipios produtores en Pontevedra son Lalín e As Neves
É un doce tradicional galego cuxos compoñentes básicos son améndoa (33 %), azucre (33 %) e ovo (25 %). A Torta de Santiago admite distintos tamaños e preséntase en forma redonda, cuberta con azucre glas e cunha figura da Cruz da Orde de Santiago como sinal típico de identidade. Por dentro ten unha cor dourada, sabe a améndoa, e ten unha textura esponxosa e granulada.
Zona xeográfica
O ámbito xeográfico da Indicación Xeográfica Protexida de Tarta de Santiago abrangue toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
Os viños desta IXP son brancos e tintos con aromas francos, nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas, e cunha acidez boa e equilibrada.
Zona xeográfica
O ámbito xeográfico da IXP Ribeiras do Morrazo abrangue os termos municipais de Cangas, Bueu, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa.
Os viños obtidos son lixeiros, limpos, brillantes e ben cubertos de cor na fase visual; con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, gradacións alcohólicas moderadas, e aromas florais e de froitas; en boca son suaves, frescos, saborosos e equilibrados, e teñen pequenos toques de acidez.
Zona xeográfica
A área de produción desta denominación está constituída polos terreos aptos para a produción de uva nas provincias de Pontevedra e da Coruña. Na demarcación pontevedresa abrangue Catoira, Valga e Pontecesures.
O produto amparado pola IXP Pataca de Galicia defínese como os tubérculos da especie Solanum tuberosum L., das variedades cultivadas kennebec, agre e fina de Carballo, destinados ao consumo humano. A primeira mención do cultivo da pataca en Galicia é de antes de 1607, foran sementadas na horta do mosteiro de recolectos de Herbón.
Zona xeográfica
A área de produción e envasado do produto desta IXP abrangue a Comunidade Autónoma de Galicia
O pan galego é un pan de cortiza dura e crocante, esponxoso e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando que, en parte, procede de trigos cultivados en Galicia de variedades e ecotipos autóctonos galegos (os comunmente denominados «trigo país» ou «trigo galego»). A súa elaboración caracterízase pola masa nai e por unha elevada cantidade de auga, ademais dos longos tempos de fermentación e cocción.
Zona xeográfica
A indicación abrangue toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Na provincia de Pontevedra son especialmente recoñecidos os pans elaborados no Porriño, en Pontevedra e na comarca de Deza.