Ir o contido principal
DESCUBRIR

Entroido de Aguasantas

No corazón de Galicia, na parroquia de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade), latexa unha tradición que, durante décadas, permaneceu durmida na memoria das e dos maiores: o Entroido da Momada. Antes de desaparecer, a mediados do século xx, esta festa popular era un dos entroidos rurais máis característicos do interior pontevedrés, unha mestura única de rito, sátira e comunidade.

Un entroido con raíces antigas

O de Aguasantas forma parte dos entroidos tradicionais galegos que, desde tempos inmemoriais, marcaban o final do inverno e o inicio da Coresma. Non era só unha festa: era un ritual agrícola e social que servía para despedir a estación máis escura e celebrar a fertilidade da terra.

Durante eses días as aldeas enchíanse de personaxes enmascarados, música e carreiras simbólicas. A xente percorría camiños e casas cunha enerxía contaxiosa, para darlle vida á  Momada, o nome con que se coñecía esta peculiar manifestación do Entroido.

Os protagonistas e os seus símbolos

Entre os elementos máis lembrados destacan:

  • A corrida do galo, un xogo antigo onde se atrapaba un galo para comer todos xuntos como símbolo de comunidade.

  • Os lanceiros, que anunciaban o Entroido, eran os primeiros da Momada. Ían con lanza, unha bandeira e un corno que soaba cando chegaban ás aldeas por onde pasaban.

     

  • Figuras do Entroido: lanceiros, madamitas e madamitos, vellas, vellos, maragatos, muradanas e oficios; todas e todos coa cara tapada mediante máscaras de calquera tipo coma cartón, tea ou coiro.

     

  • Sermón: peza teatral de peche na que, mediante coplas satíricas, se repasaban os acontecementos do ano con humor e retranca, poñendo en evidencia as veciñas e veciños e as autoridades, sen ofender, pero si facendo pensar.

Estes elementos, recollidos e descritos polo etnógrafo e antropólogo Antonio Fraguas, forman parte  do valioso patrimonio inmaterial galego que se foi diluíndo co paso do tempo, sobre todo tras os cambios sociais de mediados do século xx.

A desaparición do Entroido

Coa emigración, o abandono do campo e a transformación da vida rural, a Momada caeu no esquecemento durante máis de sesenta anos. Moitos dos seus costumes sobreviviron só no recordo das persoas maiores, en pequenas anécdotas contadas xunto ao lume ou nas notas de investigadores que visitaron a zona.

Un legado que volve á vida

Grazas ao labor da Asociación Cultural Entroido de Aguasantas, e co apoio do programa Culturea da Deputación de Pontevedra, a Momada volveu renacer. Durante máis dun ano, as veciñas e veciños entrevistaron as persoas maiores da parroquia, recolleron testemuños orais e compararon a información cos estudos de Fraguas e do antropólogo Rafael Quintía.

Dese traballo paciente xurdiu unha reconstrución fiel e emocionante: os traxes, os ritos, os percorridos e ata as cancións. O obxectivo foi claro: recuperar un dos grandes entroidos galegos, devolverlle ao pobo a súa historia e reactivar un símbolo de identidade compartida.

Nestes momentos estase a realizar, grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra, un documental videográfico e bibliográfico sobre o proceso de recuperación desta festividade.

Carnaval aguasantas
Desplegable