Festas para lembrar, 100% Rías Baixas
As festas, tanto grandes como pequenas, que se celebran na provincia de Pontevedra manteñen vivas as tradicións máis profundas desta terra. A través delas, rememóranse momentos clave da historia, réndese homenaxe aos sabores únicos das Rías Baixas e celébrase con orgullo a identidade local.
Xa sexan históricas, épicas, artísticas ou gastronómicas, estas celebracións populares forman parte esencial da alma da provincia. Más de medio centenar foron recoñecidas como Festas de Interese Turístico, e sete delas contan mesmo con distinción internacional. Un patrimonio festivo de incalculable valor que cada ano atrae a miles de visitantes en busca de emoción, cultura e autenticidade.

Rapa das Bestas de Sabucedo
Cada ano, un espectáculo único capta a atención de fotógrafos e fotógrafas de todo o mundo pola súa intensidade visual e forza simbólica. En Sabucedo, A Estrada, celébrase unha tradición que se remonta ao século XVIII: o encontro entre o ser humano e o cabalo para limpar aos animais de parasitos. Sen cordas nin ferramentas, os “aloitadores” enfróntanse corpo a corpo cos cabalos salvaxes, usando só a súa habilidade e destreza. Estes animais viven en liberdade nos montes durante todo o ano, ata que chega o momento do ancestral rito.

Festa do Albariño
Cambados rende cada ano un tributo multitudinario ao albariño, considerado o príncipe dos viños galegos. O que comezou como unha competición entre adegas locais, coincidindo coa festividade da Virxe da Pastora —patroa desta vila do Salnés—, converteuse nunha das celebracións enolóxicas máis recoñecidas de Galicia. Hoxe en día, a festa reúne a decenas de miles de persoas e reflicte o profundo vínculo de Cambados coa cultura do viño, grazas a unha programación diversa que abarca desde a tradición ata a innovación, baixo o selo de calidade da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Romaría Viquinga
Cada verán, os viquingos regresan a Galicia. A bordo dos seus emblemáticos drakkars, desembarcan xunto ás Torres do Oeste, en Catoira, con ganas de celebrar. O que foi unha temida invasión é hoxe unha festa multitudinaria que atrae a miles de persoas dispostas a revivir unha historia con máis de mil anos de antigüidade. Esta representación teatral converteuse nun emblema compartido por moitas comunidades da Europa atlántica que, como Catoira, un día sentiron o eco das incursións viquingas.

Festa da Auga
O 16 de agosto celébrase o día grande das festas patronais en honra a San Roque, unha tradición que se remonta ao ano 1698. A xornada comeza coa solemne procesión na que a imaxe do santo é trasladada desde a igrexa parroquial ata a súa capela, nun percorrido cargado de fervor popular. Pero todo cambiou en 1978, cando unha onda de calor sufocante e a animación dunhas charangas pamplonesas provocaron unha reacción inesperada: os veciños comezaron a lanzar cubos de auga para refrescar aos participantes.
Desde entón, a procesión transformouse nunha explosión de alegría onde a devoción convive coa festa, a auga e a música, sen perder o respecto ao santo. Cada ano súmanse máis persoas a esta celebración tan singular, recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional desde 2006.

Romaría de Santa Marta de Ribarteme
Cada 29 de xullo, a parroquia de San José de Ribarteme acolle unha das romarías máis singulares e antigas de Galicia: a Romaría dos Cadaleitos, tamén coñecida como a procesión dos case mortos. En honra a Santa Marta de Ribarteme, patroa dos que estiveron ao bordo da morte, os devotos cumpren as súas promesas relixiosas percorrendo en féretros, e en vida, o camiño desde a igrexa ata o cemiterio e de volta. O cortexo está acompañados de cánticos como:
Virxe Santa Marta, estrela do Norte, traemos-che os que viron a morte
Trátase dun momento cargado de simbolismo e fe. Quen non desexan ir en cadaleito camiñan cubertos con gasas brancas e candeas acesas, seguindo á imaxe da Santa, xunto a San Benito e a Virxe do Carmen. Unha celebración tan impactante como profundamente espiritual, que transcendeu fronteiras polo seu carácter único.