Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Culturgal 2019

Culturgal: tres días en Pontevedra co mellor da industria cultural de Galicia

Máis de 80 expositores participan na duodécima edición da feira, que mostrará as novidades en literatura, cinema, teatro e música

Pontevedra prepárase para converterse un ano máis, e van doce, en capital da industria cultural de Galicia. O Pazo da Cultura acolle entre o 29 de novembro e o 1 de decembro a feira Culturgal, que nesta edición 2019 contará con máis de 80 expositores e ofrecerá un amplo e variado programa con 120 actividades nas súas distintas áreas e escenarios. Un dos atractivos estrela será, o día 30, o concerto de reencontro de Marful tras seis anos afastados dos escenarios, con Sabela (Operación Triunfo) como artista convidada.

O Espazo Libro de Culturgal volverá ser o epicentro de conversacións, debates, firmas e presentacións das principais novidades editoriais en Galicia, mentres que as familias atoparán numerosas actividades no Escenario Familiar, dedicado ao público máis novo, cunha ducia de espectáculos en tres días. O Espazo Cinema ou o Foro serán outros grandes atractivos da feira, mentres que o Espazo de Arte Contemporánea contará con máis de mil metros cadrados de superficie e ocupará a Sala de Exposicións do Pazo. 

Entradas e transporte

As entradas para asistir a Cultural 2019 están xa á venda a través de ataquilla.com e tamén poden adquirirse por vía telefónica no 902 504 500 (en horario de 08.00 a 22.00 horas). Ademais o sábado 30 estará dispoñible un servizo de transporte desde cinco cidades (Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo e Ourense). As saídas efectuaranse ás 10.00 horas, e a viaxe de regreso ás 20.00. As prazas son limitadas.
Máis info: www.culturgal.com