Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Qué ver en As Rías Baixas para disfrutar del final del verano

Que ver nas Rías Baixas para gozar do final do verán

Propoñémoste dez plans para percorrer a provincia de Pontevedra de norte a sur, viaxando por belas paisaxes de interior e de costa

As Rías Baixas son o escenario perfecto para todo tipo de viaxeiras e viaxeiros. A súa enorme e variada oferta contén marabillosas paisaxes de interior e de litoral, así como unha fantástica gastronomía, culturavitivinícola e un importantísimo patrimonio histórico. Propoñémoste saborear o final do verán con estes dez plans para percorrer a provincia de Pontevedra, que inclúen magnificas praias, rutas en moto e a pé, paseos polo pasado e o presente de diferentes cidades ou visitas a petróglifos, aptos para todos os gustos.

1. Ruta pola natureza e o románico de Silleda

Nesta preciosa localidade do interior da provincia de Pontevedra poderemos atopar unha das xoias do románico de Galicia, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Para visitalo recomendámoste unha ruta de seis quilómetros con saída desde a fervenza do río Toxa, rodeada por unha preciosa contorna natural. Por este itinerario atravesarás unha ponte de ferro ata a parroquia de Merza, deixando atrás a praia fluvial da Carixa. Chegarás, máis tarde a unha calzada medieval, antes de finalizar o itineario no mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro.

Monasterio Carboeiro, SilledoMonasterio de Carboeiro, Silleda
Fervenza do ToxaFervenza do Toxa

2. Degusta os mellores viños de Cambados, Cidade Europea de Viño 2017

Continuamos cara ao sur e facemos unha parada na localidade de Cambados, a cidade por excelencia do viño albariño. Visita os seus magníficos viñedos, percorre todo tipo de adegas e degusta algúns dos seus mellores caldos. Ademais aproveita para visitar o centro histórico da vila, pasea polas súas rúas de pedra, con casas señoriais e magníficos monumentos. Na praza de Fefiñáns atoparás un precioso pazo do século XVI. Deambula polo barrio mariñeiro de Santo Tomé, alí no illote da Figueira sitúase a torre de San Sadurniño, unha construción chea de historia onde se libraron numerosas batallas.

Viñedos de albariño, CambadosViñedos de albariño, Cambados
Plaza de Fefiñans, CambadosPraza de Fefiñáns, Cambados

3. Pasea polo centro histórico de Pontevedra

Na cidade do río Lérez espéranos unha viaxe polo seu fermoso patrimonio e a súa cultura. Se comezamos o percorrido pola Alameda, unha das zonas verdes da cidade, atoparémonos coas ruínas do convento de Santo Domingo, monumento que forma parte do conxunto do Museo de Pontevedra, e o máis visitado. Atravesando a praza de España, onde se atopa o monumental edificio da casa consistorial, chegaremos ata a praza de Santa María, desde onde se aprecia a fachada sur da magnífica basílica de Santa María a Maior.

Perdéndonos polas prazas da cidade decatarémonos de como algúns dos seus nomes representan as actividades que nelas desenvolvíanse, como no caso das prazas da Leña, da Verdura ou A Ferrería, esta última próxima á igrexa da Peregrina, parada das e os peregrinos a Compostela. Preto de alí atoparás as igrexas de San Bartolomé e San Francisco.

Unha vez finalizado o noso paseo por “a Boa Vila”, non moi lonxe de alí podemos visitar a localidade mariñeira de Marín, e gozar da súa tradición tan arraigada ao mar nunha das súas citas máis esperadas, a Danza das Espadas, festa declarada de Interese Turístico de Galicia, que se celebra o último fin de semana de setembro.

Ruínas de Santo Domingo, PontevedraRuínas San Domingos, Pontevedra
Iglesia Peregrina, PontevedraIgrexa da Peregrina, Pontevedra

4. Unha viaxe polos labirintos de pedra en Campo Lameiro

Moi preto de Pontevedra capital atoparás o Parque Arqueolóxico da arte Rupestre Campo Lameiro, situado nunha ladeira de vinte hectáreas e considerado como a maior concentración de figuras de arte rupestre ao aire libre de Europa. Alí gozarás dun fermoso paseo divisando os petróglifos e as marabillosas vistas á serra do Galiñeiro.

O itinerario dos petróglifos de Campo Lameiro inclúe nove paradas, con murais en roca natural, como o da Laxe dos Carballos, ou o Outeiro dos Cogoludos, que representan escenas de caza, misteriosos labirintos, armas e outras escenificacións. Ademais poderás gozar da recreación dun poboado, dunha cabana e dunha réplica dun cazador.

Parque Arqueolóxico Arte Rupestre de Campo Lameiro, PontevedraParque Arqueolóxico Arte Rupestre, Campo Lameiro
Parque Arqueolóxico Arte Rupestre de Campo LameiroParque Arqueolóxico Arte Rupestre, Campo Lameiro

5. As praias paradisíacas da comarca do Morrazo

Na península do Morrazo descubrirás que as paisaxes, a gastronomía e as tradicións locais son algúns dos atractivos desta comarca, sobre todo as súas praias. No litoral de Cangas atopamos algúns areais como o de Menduíña, Nerga, Liméns ou Melide, desde onde se pode pasear ata Cabo Home, cun faro duns 18 metros desde o que se divisa a ría de Vigo.

Se visitas Cangas o día 8 de setembro gozarás dunha das súas tradicións máis antigas, a Danza e Contradanza da parroquia de Darbo, un baile ancestral considerado unha das pezas máis antigas de Galicia. Como nas Rías Baixas existen opcións para todos os gustos, non moi lonxe de alí as e os amantes do cinema poderán gozar desde o 7 de setembro ata o 15 do Festival Internacional de Curtos de Bueu.

Playa Menduiña, CangasPraia Menduiña, Cangas
Faro Cabo Home, CangasFaro Cabo Home, Cangas

6. O impoñente castelo de Soutomaior

En Soutomaior atopamos esta magnífica fortaleza medieval de dúas torres cunha ponte levadiza e un patio de armas dentro dun recinto dobremente amurallado, situada en pleno val do río Verdugo. Pola súa magnífica contorna, considerado un dos xardíns botánicos máis importantes de Galicia, discorren tres rutas que che permitirán gozar dun agradable paseo polo seu xardín de camelias, polos viñedos e polo bosque que o rodea.

O castelo de Soutomaior está incluído na ruta da camelia, que inclúe nas súas paradas algúns pazos de referencia como o pazo de Oca na Estrada, bautizado como o “versalles galego”; o pazo de Rubianes en Vilagarcía de Arousa; ou o pazo de Lourizán, en Pontevedra.

Castillo de Soutomaior, PontevedraCastelo de Soutomaior
Castillo de Soutomaior, PontevedraCastelo de Soutomaior

7. “Street art” a todo cor en Vigo

Vigo consolídase como a cidade de cor nas Rías Baixas. Desde o ano 2015 diferentes artistas, a maioría locais e outros igualmente con proxección internacional, realizaron máis de 40 murais enchendo de cor as medianeiras e outros emprazamentos da cidade olívica.

Este ano sumáronse a este museo do street art ao aire libre máis de 15 murais novos que tratan diversos temas que van desde a flora e a fauna, o mar, a paisaxe, a tradición ou a homenaxe ás mulleres ligadas estreitamente co mundo das industrias conserveiras. Ademais destas fantásticas “pinturas”, se te afastas un pouco do centro da cidade e sobes ata o monte do Castro poderás gozar de fermosas vistas desde o seu miradoiro.

Murales VigoVigo
Mirador O Castro, VigoMirador O Castro, Vigo

8. O faro do Cabo Silleiro, un dos gardiáns das Rías Baixas

O litoral das Rías Baixas, con sinuosas entradas, é moi famoso polos seus faros de grande axuda para navegantes nas súas travesías e achegamentos a localidades costeiras. Actualmente a maioría están automatizados pero houbo un tempo no que a figura da fareira ou fareiro, cargada de misterio e romanticismo, facíase indispensable para o seu funcionamento.

No teu percorrido pola provincia de Pontevedra poderás gozar dalgunhas destas emblemáticas construcións. En Baiona atópase o faro do Cabo Silleiro, un dos históricos da provincia de Pontevedra, inaugurado no 1866 e duns 30 metros de altura, con preciosas vistas ao océano Atlántico .

Faro Cabo Silleiro, BaionaFaro Cabo Silleiro, Baiona
BaionaBaiona

9. Ruta en moto desde A Cañiza ata A Guarda

Desde o nacemento do río Miño ata a súa desembocadura discorren incribles paisaxes. Trátase dunha contorna única cunha riqueza natural incalculable. Na Cañiza poderás visitar o famoso santuario de Santa María da Franqueira, que celebra a súa romaría o día 8 de setembro. A partir de aquí percorrerás outros lugares como Arbo, onde debes saborear a súa riquísima lamprea.

A seguinte parada é Salvaterra de Miño, onde sobresae a súa marabillosa fortaleza, e xa en Tui, histórica cidade fronteiriza, unha escala obrigada é a maxestuosa catedral de Santa María. Esta ruta chegará ao seu fin na Guarda, onde descubrirás un dos tesouros mellor gardados das Rías Baixas, o magnífico xacemento arqueolóxico de Santa Trega, co seu castro, a súa ermida e fantástica paisaxe de montaña.

Virxe de A Franqueira, A CañizaA Cañiza
Monte Santa Trega, A GuardaMonte Santa Trega, A Guarda

10. “Birding” coa mellor panorámica do Estuario do Miño

As Rías Baixas ofrecen enclaves excepcionais para as e os amantes da ornitoloxía, acompañados da beleza das súas diferentes paisaxes. Ao sur da provincia atópase o estuario do Miño, que linda con Portugal no tramo final do maior río de Galicia ata a súa desembocadura na Guarda.

Este espazo de 3.000 hectáreas constitúe un hábitat ideal para aves migratorias e limícolas, como agullas ou avefrías, e outras moitas como patos, garzas, ou rapaces, como o aguilucho pálido. Durante a época invernal acolle a máis de 3.000 exemplares. No municipio de Crecente, o miradoiro do Cruceiriño ofrece unha marabillosa instantánea do val e os meandros do río Miño.

A GuardaA Guarda
Observación de aves en PontevedraObservación de aves
Etiquetas: portada