Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Música, cine y glamour en la Gala de Turismo Rías Baixas

Música, cinema e glamour na Gala de Turismo Rías Baixas

Carlos Blanco e Déborah Vukusic conduciron unha orixinal celebración na que 139 empresas recibiron o diploma SICTED e Emma Lustres foi nomeada embaixadora

III Gala Turismo Rías Baixas

A provincia de Pontevedra aposta pola gastronomía como un potente dinamizador turístico ao redor do que se vertebra un rico patrimonio natural e histórico, con espectaculares praias e unha variada oferta cultural e deportiva. A III Gala de Turismo Rías Baixas que tivo lugar onte no Auditorio Mar de Vigo, reivindicou o traballo das e dos produtores que cultivan e extraen das nosas rías as excelentes materias primas capaces de satisfacer os padais máis esixentes e premiou a profesionalidade dos aloxamentos, museos, axencias e empresas de servizos que traballan no sector turístico. A campaña “Fame de experiencias” foi o fío condutor dunha celebración que reuniu o mellor da enogastronomía e as paisaxes das Rías Baixas.

O humorista e actor Carlos Blanco e a actriz Déborah Vukusic exerceron de mestres de cerimonias nunha gala que enmudeceu ante a portentosa voz de Rosa Cedrón e se pechou cun espectacular número da Escola de Danza Media Punta de Vigo. Institucións públicas, empresariado e produtores reuníronse en Vigo para festexar o enorme potencial do destino Rías Baixas e reafirmar o seu compromiso cun servizo de calidade e en continua evolución.

Nesta nova etapa de desafíos e oportunidades para o sector turístico, a Deputación de Pontevedra nomeou a fundadora e directora executiva de Vaca Films, Emma Lustres, primeira embaixadora de Rías Baixas. Acaba de lograr os seus tres últimos premios Goya pola película A sombra da lei, que conta con varias escenas rodadas no conxunto histórico de Pontevedra. A homenaxeada defendeu o cinema como unha poderosa ferramenta para promocionar “esta provincia de película no mundo”.

III Gala Turismo Rías Baixas

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anfitrioa da gala xunto co alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi a encargada de resumir a campaña “Fame de experiencias ”, que reúne o mellor da enogastronomía e as paisaxes da provincia de Pontevedra co obxectivo de avanzar na desestacionalización das visitas. “Temos produtos para as catro estacións e atractivos para os doce meses do ano. Somos sol, praia, castros, castelos, unha natureza que estremece, termalismo e un lugar fantástico para as e os amantes das aves e o turismo deportivo”, enxalzou Silva ante case 400 representantes do sector turístico reunidos en Beiramar.

Turismo Rías Baixas premiou ademais a excelencia e a profesionalidade de 139 establecementos da provincia que recibiron por primeira vez ou renovaron os distintivos de calidade SICTED. Este selo reafirma o seu compromiso coa calidade e ten como obxectivo mellorar a experiencia das e dos visitantes para que repitan a súa escapada ou actúen de prescritores coa súa familia e amizades. A presidenta da Deputación agradeceulles o seu esforzo por “consolidar e prestixiar o destino Rías Baixas” e contribuír co seu traballo diario a que cada vez máis persoas “nos escollan para saciar a súa fame de experiencias no paraíso”.

Seis camiños de Santiago, as Cíes, impresionantes enclaves naturais como a Fraga de Catasós, un rico patrimonio relixioso, fervenzas, os castelos de Soutomaior e Sobroso e unha ruta coma a da camelia a través de pazos e xardíns de excelencia internacional converten a provincia de Pontevedra “nun destino de costa e interior único, cunha gastronomía de excelencia e un patrimonio e unha cultura extraordinarios”, resumiu Silva na súa intervención.

Tamén se subiu ao gran escenario de “ Fame de experiencias ” o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que afrontou con humor as bromas dos presentadores da gala e redobrou a aposta ao lembrar que “as e os veciños de Cangas tiveron que comprar lentes de sol” durante o Nadal. A iluminación que deu a volta ao mundo é só una das patas dun proxecto co que Vigo coincide coa Deputación na súa intención de “converter o turismo nunha gran bandeira” de promoción e desenvolvemento.