Vistas impresionantes e atardeceres fronte ás Cíes

Percorre os conxuntos históricos de Vigo e Baiona e mergúllate na súa apaixonante historia
 

Día 1

Parque de Castrelos e Museo Quiñones de León

9:00 h

Comeza a xornada cun paseo polo impresionante parque de Castrelos e os xardíns do pazo Quiñones de León, trazados a finais do século XIX con influencias do barroco francés. O museo alberga unha importante colección de arqueoloxía.

Paseo pola parte antiga de Vigo

11:30 h

Sobe ata a fortaleza do Castro para divisar unha completa panorámica da ría de Vigo e logo baixa pasear pola zona comercial do Príncipe. Entra nos soportais cheos de vida do Casco Vello para tomar o aperitivo ou comer nas súas taperías ou no gastromercado do Berbés.

Barrio mariñeiro de Bouzas

14:00 h

O antigo porto da cidade de Vigo conta con varias rúas empedradas e cheas de vida onde é posible ver as antigas casas mariñeiras aínda conservadas. Esta zona recuperouse cun bo número de taperías e restaurantes que traballan con produtos tradicionais.

Museo do Mar

16:30 h

É unha visita indispensable para entender a relación do ser humano co mar. Está situado nunha antiga conserveira rehabilitada polo arquitecto César Portela e integra os restos do castro Punta de Muíño. Conta cun pequeno acuario e está a escasos metros das praias.

Vila Romana de Toralla

18:00 h

A principal particularidade deste xacemento, que data dos séculos IV e V d. n. e., é que se trata da única vila romana de Galicia que está escavada integramente e pode ser visitada. Outro dos seus grandes alicientes é que se atopa á beira do mar.

Illas Cíes desde a praia

20:00 h

Un dos imprescindibles en Vigo é gozar do espectacular atardecer desde as praias do Vao ou Samil. Gozarás dun dos atardeceres máis fermosos do mundo vendo o sol esconderse detrás da silueta das illas Cíes.

 

Día 2

Paseo de Monte Boi e Fortaleza de Monterreal (Parador de Baiona)

9:30 h

Ponte en marcha percorrendo esta senda marítima que rodea a fortaleza de Monterreal, antigo centro defensivo da época medieval hoxe convertido en parador de turismo. O recinto amurallado, moi ben conservado, é tamén un fantástico miradoiro ao porto de Baiona e ao Atlántico.

Zona antiga de Baiona

12:00 h

A parte antiga de Baiona foi declarada Conxunto Histórico Artístico en 1993, coincidindo coa celebración do V Centenario da Arribada. Pasea polas súas estreitas rúas para tomar algo antes de xantar ou comprar algún produto de artesanía.

Peixe fresco!

14:00 h

Non deixes de acudir a algunha taberna típica para degustar algún produto da ría. Se buscas opcións máis elaboradas tamén atoparás unha ampla oferta de restaurantes con produtos frescos do mar e da horta.

Museo Carabela a Pinta

16:00 h

Baiona foi o primeiro porto de Europa que recibiu a noticia do Descubrimento de América. No museo atoparás unha recreación do famoso navío, adaptado para coñecer a fondo a historia de Cristovo Colón e as súas viaxes.

Miradoiro da Virxe da Rocha

17:30 h

O arquitecto Antonio Palacios foi o creador desta impoñente imaxe da Virxe en granito sobre as rochas do monte Sansón, inaugurada no ano 1930. Na súa man sostén unha barca-miradoiro que ofrece unhas preciosas vistas da baía de Baiona e da ría de Vigo.

Templo Votivo do Mar

19:00 h

Finaliza a xornada no paseo marítimo de Panxón, no municipio de Nigrán, e ascende ata o Templo Votivo do Mar, asinado tamén por Antonio Palacios.