A pegada do Camiño por terras de Deza

Dozón-Rodeiro: unha viaxe polo patrimonio espiritual ata chegar ao “teito” da provincia
 

Patrimonio relixioso

10:30

A primeira parada é o mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón. Foi fundado no século XII por dona Guntroda Suárez, como aparece recollido no muro da ábsida. Este é un mosteiro do románico tardío (s. XII-XIII) e del consérvase case de forma intacta a súa igrexa, tamén de estilo románico. Ademais, está situado nunha paisaxe espectacular.

San Xoán do Sisto

11:30

Os seus frescos renacentistas están considerados como o mellor conxunto pictórico do Renacemento galego. Entra e descubre os seus muros interiores cubertos pola obra do chamado mestre do Sixto, que datan do ano 1522, tal e como figura nunha inscrición na parede. Neles pódense contemplar en detalle as escenas sobre a Paixón de Cristo, e tamén os retratos de Carlos V e dona Isabel de Portugal.

Ponte Taboada

12:30

Por aquí pasa a Vía da Prata cara a Compostela. Esta ponte románica, construída en 912, pertencía ao Camiño Real que unía as cidades de Santiago de Compostela e Ourense. Deixou de ser transitable na segunda metade do século XIX e hoxe só o cruzan as peregrinas e peregrinos que se dirixen a Santiago de Compostela.

Gastronomía: as ricas terras de Camba

14:00

En Rodeiro existe unha gran tradición pola carne de caza, probablemente herdada das nobres familias da zona. Aconsellámoste parar aquí para saborear pratos de temporada, coma o xabaril, os paspallás ou o cervo, sempre cociñados a fogo lento e con intensos sabores.

O teito de Pontevedra: o monte Faro

16:30

Aínda que á cima do monte Faro, a 1.188 m de altura, pódese chegar en coche, aconsellámoste que alcances o teito da provincia de Pontevedra a pé. A Ruta do Faro está incluída como Sendeiro de Pequeno Percorrido da Federación Galega de Montañismo, e ofrécenos excelentes vistas á comarca.