Visita un templo da conserva

No Carril poderás coñecer todos os segredos da produción artesanal, desde a selección dos mellores moluscos da ría ata a preparación das salsas para as conservas. Próbaas todas!

Unha das singularidades que ofrece O Carril é a posibilidade de ver as mariscadoras recollendo moluscos na ría de Arousa e as construcións tipicamente mariñeiras da parroquia. Vilagarcía atesoura un importante patrimonio industrial e alberga unha das conserveiras máis prestixiosas de Galicia.

A palabra “Peperete” evoca algo apetitoso. É tamén o nome elixido por unha histórica conserveira ("Los Peperetes") que traballa con todo o agarimo que caracteriza a produción artesanal e que lle deu fama aos exquisitos moluscos da provincia de Pontevedra. 

para non perder ...

  • O cociñado
  • Os seus 28 tipos de conserva
  • As vistas a Cortegada
  • Un paseo por Carril

As conservas ocupan un lugar cada vez máis destacado na cociña moderna. Hai unha gran variedade e, sobre todo, unha excelente calidade. Que mellor que preparar unha cea na casa e acompañarmos as exquisitas conservas das Rías Baixas cun bo albariño e delicioso pan do Porriño.

“A familia aposta por un produto 100 % artesanal de altísima calidade. Un auténtico ritual”

Pero empeza polo principio! Achégate á vila mariñeira do Carril e visita esta pequena conserveira de carácter familiar onde o produto se trata con sumo coidado e poderás elixir entre unha gran variedade de deliciosas receitas.

O primeiro sector industrial de Galicia

Nos anos vinte do século XIX construíuse a primeira fábrica española de conservas. Na década de 1880 xa existían 40 firmas en todo o territorio, sete en Galicia. A produción era limitada e envasábase en frasco de cristal porque a lata había que importala de Inglaterra. A crise conserveira en Francia acaba por beneficiar a Galicia, que en 1882 comeza a formación da súa avanzada industria. No Centro de Interpretación da Conserva na Illa poderás coñecer a fondo todo o proceso produtivo.

Parapente

Desde a selección dos moluscos ata a elaboración a man das salsas e o seu orixinal etiquetado e envase, todo esforzo é pouco en Los Peperetes para chegar a clientes de todo o mundo. A familia aposta por un produto 100 % artesanal de altísima calidade. Un auténtico ritual.

Historia e degustación

A visita guiada a este templo da conserva divídese en varias partes. A primeira céntrase no medio natural e nos seus recursos, ademais de nunha breve historia de como a industria conserveira transformou a sociedade. A segunda parte da mostra aborda a idea de manufactura tradicional. O recorrido finaliza coa degustación de produtos da firma cun fresco albariño.