Castros en paisaxes de lenda
Pontevedra é unha potencia en patrimonio arqueolóxico. Os seus castros xunto ao mar e os restos de asentamentos romanos que se conservan trasládannos no tempo para coñecermos a orixe das súas cidades
A provincia de Pontevedra propúxose rescatar do esquecemento o rico patrimonio histórico e cultural que representan os seus xacementos arqueolóxicos. E máis aló dos segredos que atesouran, os castrexos elixiron para os seus poboados lugares altos e cunha excelente posición que hoxe os converten en excepcionais miradoiros sobre a costa e o interior deste destino. Estas paisaxes de lenda animan a calquera visitante para penetrar nas orixes das cidades das Rías Baixas, desde asantigas citanias ata os seus posteriores asentamentos romanos.
non perdas de ver ...
- Santa Trega
- Castrolandín
- O Facho
- Centro Salinae
O Castro de Santa Trega é dos mellor conservados de Galicia, con vistas aéreas sobre A Guarda e a fronteira con Portugal. Está datado entre os séculos I a. C. e I d. C. e as primeiras escavacións realizáronse de maneira fortuíta en 1913. Hoxe pódense visitar dúas casas reconstruídas e un museo. Sen saír do Baixo Miño, a ruta inclúe o Castro Alto dos Cubos, en Tui, e a seguinte parada é xa Vigo. A cidade fixo un grande esforzo por recuperar o poboado do Castro e o edificio do Museo do Mar integra os restos do xacemento de Punta do Muíño do Vento. Merece a pena achegarse a Salinae, con restos da antiga fábrica de sal xunto á Ría, antes de cruzar a porta da Vila Romana de Toralla.
A mellor opción é trasladarse logo ata Cangas do Morrazo para subir ao monte do Facho, onde se conserva un poboado con vistas únicas cara ás Illas Cíes e as de Ons.
É importante non esquecer o Castro da Subidá, enMarín, e o de Alobre, en Vilagarcía de Arousa. Resulta obrigada tamén a visita a Castrolandín (Cuntis).
O Castro de Santa Trega é dos mellor conservados de Galicia, con vistas aéreas sobre A Guarda e a fronteira con Portugal
Os castrexos das Rías Baixas deixaron moitos poboados abandonados trala chegada dos romanos, trasladándose a novos asentamentos a pé de costa ou en vales. No Salnés pódese pasear polo xacemento da Lanzada e o de Adro Lanuxe, finalizando o percorrido en Valga para coñecer a historia da Igrexa Vella.
Ponte entre Mediterráneo e Atlántico
Os achados no xacemento da Lanzada testemuñan que a provincia de Pontevedra ocupaba un lugar estratéxico no intercambio comercial entre os pobos do Mediterráneo e o Atlántico. As escavacións desbarataron o tópico dunha terra illada e acreditaron contactos fluídos con outras culturas desde o século VI a. n. e. As Rías Baixas formaban parte dos circuítos comerciais de longo percorrido controlados por cartaxineses e gadiritas.