
A memoria do patrimonio industrial
A monumentalidade destes símbolos da puxanza económica das Rías Baixas axuda a manter viva a historia recente da provincia de Pontevedra
A provincia de Pontevedra conserva un importante patrimonio industrial que mantén viva a memoria dos anos de maior desenvolvemento dos sectores conserveiro e naval e de actividades estratéxicas, aínda que menos coñecidas, coma a obtención de volframio en Fontao. Son inmobles monumentais que se reinventaron como espazos multiusos ou centros expositivos, e aqueles que están sen recuperar conservan intacto o interese histórico e etnográfico a pesar da decadencia exterior.
A zona de Beiramar, en Vigo, é unha das mecas do turismo industrial na provincia de Pontevedra ao concentrar no borde litoral a frenética actividade dos seus peiraos, as grandes factorías pesqueiras e navais en activo e os vestixios das súas predecesoras, hoxe abandonadas, coma a nave de Alfageme, cuxas pezas máis sinaladas expóñense no Museo Anfaco. Tamén son interesantes os restos da Artística e os silos da Panificadora, que agora se trata de recuperar para o uso cidadán.
non te perdas ...
- A nave de Alfageme (Vigo)
- Antiga azucreira de Portas (O Salnés)
- Fábrica Laforet (Soutomaior)
- Muíño de Covián (Silleda)
Falar de patrimonio industrial nas Rías Baixas implica unha visita obrigada ao Museo Massó de Bueu, que custodia a colección baleeira máis importante de España. E sen saír do Morrazo, no litoral de Cangas, sitúanse a antiga conserveira da familia, que chegou a empregar a 2.000 persoas, e os restos da baleeira do mesmo nome, ambas as dúas clausuradas nos anos noventa.

Muíño de mareas da Seca
Atópase situado na pontevedresa ría de Arousa, na parroquia cambadesa de Corbillón, entre as puntas de Tragove e Fefiñáns. Ten a denominación da Seca porque a zona interior queda en seco na baixamar e volve encherse na preamar. Aproveitaba os fluxos do mar para facer funcionar as súas catro moas e hoxe acolle un pequeno museo. Chegou a moer ata 200 quilogramos por moa en dúas quendas, de día e de noite. A rehabilitación do complexo conservou o muíño, acondicionado como museo, para mostrar o legado popular das Rías Baixas.
O Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa ocupa a antiga fábrica de Goday, sede da primeira conserveira industrializada de Galicia. Para o Museo da Salga do Grove tamén se recuperaron dúas antigas naves de salgadura ou salgadeiras, mentres que, en Vigo, os arquitectos Aldo Rossi e César Portela transformaron a vella conserveira de Alcabre no Museo do Mar de Galicia..
“Hoxe, a cheminea da azucreira de Portas é un excelente miradoiro panorámico sobre todo o val do Salnés”
Menos coñecida é a antiga Azucreira de Portas, rehabilitada hai uns anos e cuxa cheminea de 60 metros de alto converteuse nun miradoiro panorámico ao val do Salnés. Tamén se recuperou como centro multiusos a Fábrica Laforet en Soutomaior, de onde saía o carburo cálcico que se utilizaba na iluminación das conserveiras.
A que aínda espera a súa oportunidade para ser visitada é a Fábrica da Luz de Segade, en Caldas de Reis. Actualmente atópase en ruínas, pero ten unha historia apaixonante.
Outra das pezas singulares do patrimonio industrial de Pontevedra é o Muíño de Covián en Silleda, único polas súas características e dimensións. O edificio, situado nun lugar de gran valor paisaxístico, data de 1810 e foi rehabilitado en 2008.