Observando as estrelas nas Rías Baixas

Illas, montañas, observatorios... Descubre os lugares ideais e as actividades para ver a Vía Láctea, estrelas fugaces, constelacións e planetas no firmamento desde a provincia de Pontevedra

Desconectar da rutina e das obrigas diarias e usar os nosos sentidos para volver á orixe, a un universo que segue virando, aínda que non sexamos conscientes. Precisamos ese vínculo coa natureza e, sobre todo, deixarnos envolver por ese manto de estrelas.

Na provincia de Pontevedra poderás vivir esta experiencia tan reveladora. Buscar o lugar adecuado, parar, acomodarte e levantar a vista cara ao firmamento.

Entón xorde a maxia e comezamos a ver marabillas: a Vía Láctea, constelacións, estrelas fugaces, mesmo planetas. A provincia de Pontevedra é o destino ideal para observar estrelas desde recunchos máxicos coma illas, montañas, praias... e algúns destes lugares posúen observatorios e unha interesante programación de actividades variadas. O Parque Nacional das Illas Atlánticas é un dos tres destinos turísticos da Fundación Starlight en Galicia. Se nos acompañas, mostrarémosche enclaves privilexiados para o astroturismo, excursións e plans.

non perdas ...

  • As Illas Cíes
  • O Observatorio de Forcarei
  • As estrelas desde un veleiro
  • O Observatorio de Cotobade
  • A Ópera estelar en Cuntis
  • A Observación en Redondela

1. Observacións guiadas en Cotobade

O Observatorio de Cotobade, en colaboración coa Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra, organiza visitas guiadas gratuítas os sábados, as cales constan de tres partes, cada unha de 15 minutos.

Así, na primeira farase unha observación a través do telescopio da cúpula; a continuación, darase unha pequena explicación sobre as estrelas e o ceo a primeira ollada; e, por último, utilizarase o telescopio no exterior. O horario dependerá da época do ano.

RESERVAS

2. Ver as estrelas en Cíes

As actividades Starlight en barco ás illas Cíes servirán para descubrir os lugares de interese nesta xoia do Parque Illas Atlánticas navegando pola noite. Poderás reservar a Experiencia Starlight “Mar de estrelas ” a un prezo de 24 € para adultos e 10 € para nenas e nenos. As saídas serán ás 22:30 horas, desde Cangas, e ás 23:00 horas, desde Vigo.

Esta experiencia repetirase os días 4 e 25 de xuño; 2, 16, 23 e 30 de xullo; 20 e 27 de agosto; e 3, 17 e 24 de setembro. Non será a única experiencia Starlight da Naviera Mar de Ons, xa que nos propón outras actividades coma a Experiencia Astronómica, con saídas desde Cangas, ás 22:30 horas, e desde Vigo, ás 23:00 horas, o 11 de xuño e o 8, 9, 10 e 11 de agosto. Ademais das bágoas de San Lorenzo ou Perseidas, cos mesmos horarios e portos de saída que as anteriores, pero os días 12,13 e 14 de agosto.

RESERVAS

Observatorio de Forcarei

3. Venres e sábados en Forcarei

O Observatorio de Forcarei, xunto coa Fundación Ceo Ciencia e Cultura, organiza visitas guiadas nas que se dan a coñecer os traballos diarios realizados no observatorio e se poderá visitar a súa cúpula, onde se mostrará o manexo do seu telescopio profesional. Unha actividade para todos os públicos, cunha linguaxe sinxela adaptada a pequenas, pequenos e maiores, e de dúas horas de duración, na que se poderá gozar e coñecer, se o tempo acompaña, o marabilloso ceo nocturno de Forcarei xunto á familia ou ás amizades. As visitas terán un prezo de 15 € para adultos e de 10 € para nenas e nenos (de entre 6 e 18 anos), e comezarán os sábados a partir do 28 de maio. O horario de xuño e xullo será de 22:30 a 00:30 horas e en agosto e setembro de 22:00 a 00:00 horas.

RESERVAS

4. Observación nocturna para toda a familia

O Concello de Redondela organiza unha actividade de observación do ceo nocturno para toda a familia, onde unha ou un astrónomo explicará as estrelas máis importantes, as constelacións visibles e os métodos de orientación mediante a observación do ceo nocturno, así como certas lendas escritas nas estrelas. Terá lugar o venres 3 de xuño de 2022 no campo de fútbol Tuimil-O Viso, de 22:30 a 00:30 horas, e será apta para todo tipo de público. Será necesario reservar, xa que as prazas son limitadas.

RESERVAS: 986 401 713 //  turismo@redondela.gal.

5. Starlight desde un velero

A empresa Sailway realiza saídas nocturnas ás illas Cíes a bordo dun veleiro para coñecer ao detalle o manto de estrelas que iluminan o Parque Nacional das Illas Atlánticas. A saída será ás 20:00 horas desde o Real Club Náutico de Vigo en dirección ás illas, onde se poderá observar a posta de sol. Á noitiña, desde a praia de San Martiño (illa sur) contemplarase o ceo estrelado. Se as condicións o permiten, cruzarase a Rodas, onde a ou o guía dará unha breve explicación da bóveda estelar. Custará 80 € (mínimo tres persoas) e terá lugar o sábado 4 e o venres 24 de xuño.

RESERVAS

Observación estrellas Redondela

6. Picnic e Ópera estelar

A Casa A Pedreira Boutique Hotel (Cuntis) organiza unha actividade de Ópera Estelar cun pícnic campestre (noite Starlight) o 17 de xullo, onde haberá música en directo con Dolores Crespo e Alejo Amoedo. O pícnic comezará ás 20:00 horas e a ópera ás 22:00 horas, e a actividade terá un custo de 35 € (cunha ou cun guía certificado por Starlight).

RESERVAS.

Casa A Pedreira