Revive as fazañas de Pedro Madruga
Percorrer nas Rías Baixas a Ruta Madruga é descubrir fortalezas, explorar altas torres e visitar cidades históricas para revivir as andanzas Pedro Madruga, personaxe imprescindible na Galicia do século XV
Coñeces a Pedro Madruga? Empápate da apaixonante vida deste nobre que levou a casa Sotomayor á súa etapa de maior gloria. Aventureiro, belixerante e influente, as súas andanzas marcaron parte da historia de Galicia hai 600 anos.
Fortalezas, torres e cidades son testemuñas pétreas das fazañas deste afamado nobre. Para seguir os pasos de Pedro Madruga o punto de partida ideal é o castelo de Soutomaior (1), fogar da familia e centro de poder no sur de Galicia. Percorre o interior da fortaleza, pasea polos seus xardíns, onde reina a camelia, e visita o seu museo antes de desprazarte á seguinte parada da ruta.
Para non perder ...
- Castelo de Soutomaior
- Castelo de Sobroso
- Fortaleza de Monte Boi
- Torre da Lanzada
Agora o teu camiño levarate polo curso do río Miño. En Crecente, limítrofe con Ourense, atoparás a torre de Fornelos (2) na marxe do río Ribadil.
O impoñente castelo de Soutomaior foi o centro neurálxico do sur de Galicia durante o século XV
Alí, Madruga apresou o bispo de Tui, Diego de Muros. Do mesmo xeito que os seus predecesores,Pedro Álvarez de Sotomayor posuía o título de vizconde de Tui e as súas desavinzas cos bispos eran constantes.
Sigue o rastro do nobre cara ao castelo de Sobroso (3), monumental atalaia en Mondariz, e desde alí mergúllate no ambiente do século XV mentres gozas das vistas a máis de 300 metros de altura.
A CIDADE DE TUI
De alí baixarás á fortaleza de Salvaterra de Miño (4), motivo de disputa entre os Sotomayor e os Sarmiento. É a vez da histórica cidade de Tui (5), da que Madruga era vizconde. Dedícalle tempo a pasear polo seu encantador centro monumental, onde aínda está presente a pegada sefardí.
Baiona (6) , xa na ría de Vigo e seguinte escala, loce a maxestosa fortaleza de Monte Boi, hoxe Parador Nacional. Os Reis Católicos nomearon gobernador a Garci Méndez de Sotomayor, xenro do noso protagonista. Goza das vistas ás illas Cíes e pasea por esta histórica vila.
O auténtico Cristóbal Colón?
Cristóbal Colón compartía amigos e inimigos con Madruga , protexeu os seus fillos e bautizou máis de cen lugares do Novo Mundo con topónimos ligados ás Rías Baixas. Estas coincidencias deron lugar a unha sólida teoría que apunta a que o nobre das Rías Baixas puido utilizar o nome de Colón no último tramo da súa vida. Desamigado cos Reis Católicos nesa etapa, a finalidade sería confiarlles segredos de navegación aos monarcas con outra identidade a cambio de importantes concesións.
Continúa ata Vigo (7), a maior cidade de Galicia, cunha animada zona vella e fermosos miradoiros. Pedro Madruga obtivo de Enrique IV un interese sobre as rendas da cidade, da veciña Redondela, e de Pontevedra.
REBELIÓN IRMANDIÑA
O teu camiño lévate á torre da Lanzada (8), nunha bela paraxe coa Illa de Ons á fronte e entre magníficas praias. Sufriu as consecuencias da rebelión dos irmandiños, contra os que guerreou Madruga, e quedou derruída, do mesmo xeito que a de San Sadurniño en Cambados (9), última parada da ruta. Foi destruída nas revoltas e restaurada polos Sotomayor en 1709.
Estades preparadas e preparados para a ruta?