Viaxe á Belle Époque
O balneario de Mondariz, un histórico do termalismo da provincia de Pontevedra, ten fama internacional pola excelencia das súas augas e por conservar a súa atmosfera de principios do século XX
Mondariz-Balneario é o municipio máis pequeno de Galicia e un dos recunchos máis especiais das Rías Baixas. O balneario desta vila termal, galardoado en múltiples ocasións como o mellor de España, empezou a cimentar a súa fama a finais do século XIX, época dourada dos baños en toda Europa, e a pegada do seu esplendor aínda pervive.
Este centro termal, con máis dun século de historia, mima as persoas que o visitan coas súas excelentes augas termais aplicando as técnicas máis modernas e tratamentos de saúde, beleza ou benestar. Con máis de 3.000 m2 dedicados ao relax e ao lecer, o Palacio da auga é un gran spa para gozar en solitario, en parella, en grupo ou con nenas e nenos, que, ademais, poderán gozar dunha área infantil cun completo programa de animación.
Entre o conxunto de edificios do balneario destaca a construción histórica do Gran Hotel, obra do gran arquitecto Jenaro de la Fuente.
O Palacio da Auga, un dos imprescindibles do balneario, é un spa cunha superficie de máis de 3.000 m²
Os seus fermosos xardíns animan os visitantes para descubrilos á vez que atoparán no camiño as fontes termais de Troncoso, ás que se accede por un paseo ao longo do río Tea; e a da Gándara, cun pavillón de granito anexo obra do arquitecto Antonio Palacios.
O esplendor de Mondariz
O balneario viviu a súa particular “Belle Époque”, recibindo a visita de personaxes ilustres e selectos da cultura, do pensamento e da política da época, coma Castelao, a raíña Isabel de Portugal ou Emilia Pardo Bazán, nun ambiente repleto de encanto, de confort e de luxo. A Guerra Civil paralizou a vida do lugar e un incendio en 1973 terminou unha época dourada, hoxe totalmente recuperada e adaptada ao novo século.
O Balneario de Mondariz completa a súa oferta lúdica cunha proposta feita a medida para amantes do golf. Un atractivo campo con 18 foxos que ofrece un ameno percorrido integrado nun fermoso contorno natural. A historia do termalismo en Mondariz ten entre os seus protagonistas a Domingo Blanco, médico natural da vila, que redescubriu no século XIX o manancial de Troncoso e comezou a utilizar as súas augas con fins terapéuticos.
Estas propiedades chegaron a oídos do médico Enrique Peinador, quen, coa finalidade de comprar un balneario, percorreu os mananciais da provincia. Co descubrimento da fonte da Gándara, en 1872, arrinca a singradura do Balneario de Mondariz da man de Enrique e do seu irmán Ramón.