Entroido de Cobres
Madamas e galáns locen as súas mellores galas
A danza de Cobres é un vistoso espectáculo con bailes nas rúas e prazas
Nas beiras da enseada de San Simón mantense vivo un rito que se remonta ao século XVIII e que reflicte a importancia da transmisión das tradicións de xeración en xeración. O espírito das veciñas e dos veciños do municipio de Vilaboa non deixou morrer o afamado Entroido de Cobres, declarado festa de interese turístico de Galicia en 1999.
Na zona coñecida como Cobres, formada polas dúas pequenas parroquias de San Adrián e Santa Cristina, perdura unha das celebracións máis vistosas da provincia de Pontevedra. Segundo escritos da época, tradicionalmente era denominado Antroido dos Cobres, pero a súa orixe aínda non está clara.
Madamas e galáns levan a festa de casa en casa nun evento no que a tradicional Corrida do Galo é un dos seus momentos cume
Crese que, como símbolo de riqueza e posición social, as familias adiñeiradas engalanábanse durante os días que duraba o Entroido para percorrer a zona. As persoas solteiras vestían os seus traxes con orgullo e representaban as súas familias. Estes son os famosos personaxes coñecidos como madamas e galáns que, ano tras ano, enchen de colorido e ritmo as parroquias de Santa Cristina e Santo Adrán, en Vilaboa. Levan a festa de casa en casa cos bailes, coa música e coa popular danza de Cobres. Normalmente, as casas fan un donativo para poder seguir cos festexos, e canto máis xeneroso sexa, maior algarabía!
No Entroido de Cobres prodúcese unha representación das distintas clases sociais e isto evidénciase fundamentalmente na vestimenta. Deste xeito, primeiro están os «aldeáns», traballadores humildes e vestidos de distintos oficios; a continuación, atópanse «os de branco», que portan roupas sinxelas, con menos cores e abelorios; e por último, encabezando o grupo, están as «madamas» e «galáns», vestidos con total pulcritude, con roupa branca cuberta por encaixes, cintas de cores, abelorios, xoias etc. Destaca o seu grande e vistoso sombreiro feito a man, cuxos cores, brillos e flores convérteno no centro de todas as miradas. Este chega a pesar entre 6 e 8 quilos, e dedícaselle polo menos medio ano de traballo para mantelo así de vistoso.
Durante os días de festa, de sábado a martes pódense ver charangas e grupos de música tradicional das Rías Baixas. O último día ten lugar un dos momentos máis esperados: a tradicional Corrida do Galo, unha serie de xogos populares na praza da casa da cultura de Riomaior. Para finalizar o día aparece o «predicador», un personaxe que non revela a súa identidade e que critica os acontecementos que tiveron lugar na zona durante o ano.
Vilaboa é a entrada sur á comarca do Morrazo desde a capital de provincia, e a ría de Vigo e a de Pontevedra rodean esta península na que o Entroido está presente en cada recuncho. Nas Rías Baixas poderás vivir grandes historias e momentos inesquecibles.