Festa da Malla Tradicional de Lalín
A malla do centeo, unha tradición histórica
Lalín revive en agosto este antigo labor, central no proceso de elaboración do pan
Os tempos da trilla ou malla tradicional regresan a Lalín cada ano en agosto. Más de 70 persoas vestidas de época participan na recreación histórica destes traballos comunitarios de grande arraigamento popular, que supoñían o momento cume do proceso de elaboración do pan. Promovida polo museo etnográfico Casa do Patrón, a Festa da Malla Tradicional celébrase desde o 2000 na aldea lalinense de Codeseda o penúltimo sábado de agosto e está declarada festa de interese turístico de Galicia.
A malla consiste en separar a palla do gran do cereal. As veciñas e os veciños unían forzas nesta actividade, o maior traballo comunitario en Galicia durante séculos e vital para o sustento familiar. O centeo moíase despois no muíño de río e, finalmente, cocíase no forno de leña. Existen varias modalidades históricas na comarca de Deza, as primeiras manuais, nas que se bate o atado, e as máis modernas xa mecánicas. Así, durante a Festa da Malla Tradicional recréase de forma fidedigna por orde cronolóxica a malla á pedra, que xa se practicaba nos antigos castros galegos; a trilla con mallo; a de malladora manual; a de máquina, motor e limpadora; e, por último, a malla con tractor.
Premios para os mellores traxes
A trilla de Lalín é unha fermosa recuperación desta tradición que arrinca nos preparativos e vai máis aló do labor en si, para converterse nunha gran xornada etnográfica, gastronómica e festiva. Comeza co carrexo dos atados e a realización da meda, acompañada dunha exposición de artesanía galega, unha exposición completa de malladoras e motores, e outra de pinturas vinculadas ao proceso de elaboración do pan.
A festa inclúe a recreación, varias exposicións, unha comida de confraternidade e o Serán da Malla con actuacións folclóricas.
Posteriormente, recréase a malla cunha posta en escena na que participan as veciñas e os veciños de Codeseda, na parroquia de Doade, e xente doutros lugares de Lalín. Ao finalizar, entrégaselles o premio anual á muller e ao home mellor vestidos de época. A continuación, ten lugar a comida de confraternidade baixo a carpa ao aire libre, con vistas espectaculares do val do Asneiro, e pola tarde continúa a festa co Serán da Malla, no que participan varios grupos folclóricos de Deza.
Desde a sementeira en abril ata o cocido de pan
A malla desenvólvese nunha paraxe de gran valor ambiental e representa o momento central do proceso de elaboración do pan que reproduce cada ano o museo etnográfico Casa do Patrón. Este abarca desde a sementeira do centeo, en abril; ata o atado, en xullo; a trilla, en agosto; a moenda e, finalmente, o cocido do pan.
A festa reúne milleiros de visitantes en Codeseda, centro xeográfico de Galicia, e foi declarada festa de interese turístico pola singularidade e calidade das recreacións, o número de persoas asistentes, o valor cultural, o arraigamento na poboación local, as infraestruturas, o equipamento, a innovación, o coidado da contorna urbanística e paisaxística no que ten lugar e o grao de difusión do evento.